A actividade na celulosa de Ence en Pontevedra paralizada de xeito "total" pola folga do persoal

A primeira xornada de folga do persoal de Ence contra os 39 despedidos propostos pola empresa arrancou ás seis da maña deste sábado, logrando paralizar a actividade na celulosa de Pontevedra.

Sin título
Piquete do persoal de Ence ás portas da fábrica de Pontevedra na madrugada deste sábado 8. (Foto: Nós Diario)

A factoría de Ence de Pontevedra vive este sábado a primeira xornada de folga en protesta contra a proposta de despedimentos formulado pola empresa. Neste sentido, a compañía quere prescindir de 39 traballadores e traballadoras dos 282 que fan parte do cadro de persoal da pasteira de Lourizán.

O comité de empresa Ence, presidido por CCOO e conformado por representantes deste sindicato, CIG e UXT, cuestiona os argumentos empregados pola compañía para promover un expediente de regulación de emprego (ERE), argumentando unhas perdas de 22 millóns de euros nos primeiros nove meses do presente ano.

"O seguimento da folga é dun 100%"

Os responsábeis sindicais da compañía destacan a Nós Diario que "o seguimento da folga é dun 100%". Neste sentido, apuntan que "as únicas persoas que entraron a traballar son aquelas que están dentro dos servizos mínimos que pactamos coa empresa esta semana".

A alta participación na folga provocou unha "paralización total da actividade" na celulosa de Pontevedra. A este respecto, desde o comité de empresa avanzan que "é a demostración do convencemento dos traballadores sobre a necesidade de mobilizarse para paralizar os despidos".

As mesmas fontes explican a este medio que "o persoal está unido e ten claro que hai que manter o calendario de protestas acordado até que a empresa cambie de posición e cumpra os seus compromisos en materia de emprego". Asemade, manifestan que "hai apoio incondicional de todo o persoal".

Unha das cuestións que xerou sorpresa entre o persoal que participou este sábado nos piquetes ás portas da celulosa de Pontevedra foi o "grande despregue policial". O mesmo estaba formado ducias de axentes e varios furgóns dos popularmente coñecidos como "leiteiras".

Novos paros

A folga seguirá os días 11, 12, 15, 18, 19, 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de novembro. A este respecto, fontes da empresa consultadas por Nós Diario lamentaron que "os sindicatos integrantes do comité de empresa de Pontevedra non manifestaron ningunha vontade de negociar, a diferencia da representación da biofábrica de Navia".

Comentarios