A fenda dixital convértese nunha traba para acceder ao ingreso mínimo vital

O novo ingreso mínimo vital nace para ser unha ferramenta para reducir a pobreza e a exclusión, mais a imposibilidade de poder realizar as xestións de forma presencial está a ocasionar moitos problemas ás potenciais persoas beneficiarias, algunhas das cales non saben como proceder para pedila. 
Persoas recollendo alimentos na rúa (Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Persoas recollendo alimentos na rúa (Eduardo Parra / Europa Press).

O pasado 15 de xuño iniciábase o período para solicitar o ingreso mínimo vital, a nova prestación impulsada polo Goberno español para reducir o nivel de pobreza e exclusión. Segundo os datos que manexa a Delegación do Goberno, na Galiza pódense beneficiar destas axudas preto de 40.000 fogares. Os que xa perciben a Renda Básica de Inserción Social (Risga) poderán cobralo de oficio, o mesmo que acontece coas persoas ás que a Seguridade Social recoñeceu a súa situación de especial vulnerabilidade. Todas elas ingresarán o primeiro pagamento o vindeiro 26 de xuño.

O resto de potenciais beneficiarios deberán solicitar o ingreso mínimo vital por vía telemática, o que supón unha barreira de acceso para centos de familias galegas, que carecen dos servizos de banda larga de internet ou dos coñecementos básicos necesarios para poder cursar a solicitude da prestación.

Desde a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN), o seu director, Xosé Cuns, xa alertaba hai uns días da posíbel existencia de problemas na tramitación. "Vai haber unha avalancha de peticións", advertía. E así foi. 

A solicitude debe realizarse a través da sede electrónica da Seguridade Social e, a partir da vindeira semana, tamén nos Centros de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS). O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións tamén contempla a creación dunha aplicación móbil.

"É unha prestación que como revolucionaria que é vai ser complexa", sinalaba Cuns, posto que "o que se debería facer nun ano vaise a facer nun, dous ou tres meses".

Déficit de servizos

A esta complexidade súmase que máis da metade das potenciais perceptoras da axuda son persoas maiores de 40 anos que en moitos dos casos non teñen un dominio básico da informática. E tamén está a outra fenda dixital, pois Galiza é o territorio do Estado español con máis zonas sen cobertura de redes de banda ancha de nova xeración e non hai previsións para a súa dotación por ningún operador no prazo de 3 anos e en base a plans de investimentos críbeis, o que deixa fóra destes servizos  485.000 galegas e galegos.

Pero as dificultades non quedan aí, xa que a complexa linguaxe empregada nos formularios e os distintos requirimentos durante o proceso de solicitude xeran moitas cuestións entre as solicitantes. As que optan polo teléfono gratuíto de consultas (900202222), que esta semana só funcionou polas mañás, atópanse coas liñas saturadas e a imposibilidade de falar con alguén que lles poida resolver esas dúbidas. 

Xestión das axudas

Polo momento, a xestión do ingreso mínimo vital depende directamente do Estado español, salvo nos casos de Euskadi e Nafarroa. O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, lembrou que no pasado "transferíronse competencias (en referencia ás pensións non contributivas) sen ter en conta unha contrapartida de xestión ou de eficacia e iso non vai acontecer".

Nesta liña, sinalou que o ingreso mínimo vital vai servir tamén para rematar coas "disparidades" territoriais, ao tempo que aproveitou para remarcar o escaso orzamento dedicado pola Xunta a rendas de inclusión.   Mentres o salario social de Asturias estaba "moi ben dotado, con 125 millóns de euros", na Galiza, "con tres veces máis de poboación", adicábase "a metade do orzamento" e só se chegaba á metade dos fogares.

Risco de solapamentos

Ministerio e Xunta traballan para buscar encaixe á Risga e o ingreso mínimo vital. Desde a Consellaría de Política Social xorden varias "preocupacións" polo feito de que o Executivo galego quede fóra da xestión desta prestación. Por un lado, que "se tramite de modo áxil e sen atrasos que impidan que as familias que o soliciten dispoñan desta prestación canto antes".

Doutra banda están os posíbeis solapamentos coa Risga, é dicir, que haxa persoas que durante uns meses "cobren as dúas prestacións de forma inadecuada".

Nesta liña, o director da Rede Galega contra a Pobreza empraza o Parlamento galego que resulte das próximas eleccións a facer unha "modificación" da lei de inclusión social da Galiza co fin de "asegurar a complementariedade" da Risga e o ingreso mínimo vital, á vez que se aumenten contías e beneficiarios.

Esta modificación, ademais de eliminar a inseguridade xurídica, permitirá reducir unha burocracia que estes días está a provocar non poucos atrancos ás persoas que queren solicitar a nova prestación para escapar da pobreza e a exclusión.

Comentarios