A feira internacional de Conxemar comeza co IVE dos produtos pesqueiros no centro do debate

Luis Planas, Alfonso Rueda e Abel Caballero, esta terza feira na sesión inaugural do evento internacional organizado por Conxemar en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
O Ifevi acolleu a sesión de inauguración da feira internacional de Conxemar.

A XXV Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados de Conxemar arrincou esta terza feira no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) nun día "histórico" e coa esperanza de alcanzar un acordo entre Administracións para ampliar as instalacións e reducir o imposto sobre o valor engadido (IVE) dos produtos do mar.

O presidente de Conxemar, Eloy García, quixo pór en valor a importancia do evento, que congrega máis de 26.500 visitantes aos máis de 750 expositores de até 46 Estados de todo o mundo. Así mesmo, destacou o que supón para a cidade de Vigo e para Galiza. Unha cuestión na que coincidiu o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, durante a súa intervención.

Pola súa parte, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, aproveitou a ocasión para defender o desenvolvemento da eólica mariña, explicando que hai que "seguir dando pasos" para favorecer os intereses do sector pesqueiro e da pesca artesanal galega, mais tamén do desenvolvemento económico doutros sectores. Ademais, Rueda pediu ao Executivo estatal unha redución do IVE do peixe e da carne similar á que se aplica sobre outros alimentos.

O encargado de fechar o acto foi o ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, quen insistiu na necesidade da sostibilidade do sector pesqueiro, mais tamén na rendibilidade do mesmo e das súas empresas. Ademais, Planas destacou a importancia do financiamento comunitario á hora de descarbonizar a frota pesqueira e do Perte Mar-Industria, indicando que este é un "gran éxito", que continúa aberto, e que pode ser "ampliábel".

Congreso sobre o atún

O papel estratéxico da frota atuneira de cerco estatal, na que a Galiza é unha potencia, centrará o 10 de outubro en Madrid a sexta edición do Congreso Nacional do Atún, impulsado pola Organización de Produtores Asociados de Grandes Atuneiros Conxeladores (Opagac).

O ecoloxismo recoñece unha empresa de Muros

Un total de cinco organizacións ambientais e de pesca destacaron, xunto a outras 11 firmas, a empresa muradá Fresco y del Mar como exemplo viábel de pesca artesanal que contribúe ao desenvolvemento local e á transición ecolóxica e que podería impulsar "o cambio necesario" na industria pesqueira.