Feijóo terá que responder no Parlamento á perda de emprego dun 21,8 % no sector industrial nos cinco anos de goberno

Desde marzo de 2009 o sector industrial perdeu 35.536 afilia@s o que supuxo unha redución dun 21.8% pasando de 163.214  a 127.678 rexistrad@s a finais de 2013. O BNG pide explicacións no Parlamento polo desmantelamento do emprego industrial.

Operarias nunha carpinteiría industrial
photo_camera Operarias nunha carpinteiría industrial

Durante o goberno de Feijóo o sector industrial perdeu máis da quinta parte do seu emprego, segundo datos da afiliación á seguridade social. Se o rexistro de marzo de 2009, cando Feijóo chega ao goberno era de 163.214 cinco anos despois, a fins de 2013 tiña descendido a 127.678, é dicir, unha baixada dun 21,8%. Con estes datos na man, o BNG rexistrou no Parlamento varias iniciativas que pedirán explicacións ao goberno polo progresivo desmantelamento do sector industrial, sen que se observen indicios de recuperación. 

A perda de peso relativo da industria galega no emprego cífrase no descenso do 15,9%  dos postos de traballo en 2009 ao 14,1% rexistrados no fin de 2013. Só no último ano o sector perdeu 4.397 afiliacións á Seguridade Social o que supón un 3,3 % no período que vai de decembro de 2012 ao fin de 2013. A caída na madeira supuxo un 30%, no téxtil ascendeu a un 26%, na metalurxia de 26% e na enerxía eléctrica foi do 17,2%. 

 "A afiliación á seguridade social cando Feijóo chega ao goberno era de 163.214 cinco anos despois, a fins de 2013 tiña descendido a 127.678"

“Os datos da afiliación á Seguridade Social amósanos a un sector industrial que durante os gobernos de Feijóo perdeu máis da quinta parte do seu emprego, onde o emprego industrial perdeu peso relativo no conxunto de emprego galego, e por último, a evolución recente, do pasado 2013, non permite albiscar un futuro de recuperación da industria galega e do seu emprego”, sinalan Carme Adán e Francisco Jorquera, para quen a taxa de afiliación á seguridade social é o parámetro máis acaído para avaliar a situación do emprego na industria, segundo defenden na iniciativa que rexistraron no Parlamento Galego para esixir ao goberno de Feijóo explicacións e solucións diante do desemantelamento do sector. 

·O emprego industrial, a industria, presenta un comportamento máis negativo que o de conxunto de sectores económicos da economía galega. De feito, é, despois da construción, o sector onde se perdeu maior volume de afiliados, tanto en termos relativos como absolutos”, denuncian na presentación da iniciativa. Alén de cuestionar as políticas no sector e o descenso xeral de emprego nos distintos ámbitos da industria, o BNG pregunta se as trabas no desenvolvemento de enerxías renovábeis e o fracaso do concurso eólicos promovido por Núñez Feijóo están detrás coa forte caída do emprego no sector de enerxía eléctrica que viu diminuída a súa afiliación en 17,2% desde a súa chegada ao goberno. 

Comentarios