Falece Maximino Viaño García, creador do selo Tenreira Galega

Maximino Viaño García. (Foto: Concello de Ames)
O Concello de Ames, de onde era oriúndo Maximino Viaño, declara un día de loito oficial.

Maximino Viaño García (Ames, 1927), creador do selo Tenreira Galega e un dos fundadores de Feiraco, faleceu na madrugada desta cuarta feira aos 97 anos.

Viaño García comezou a traballar na explotación agraria dos seus pais, até que formou a súa primeira granxa de gando selecto e creou a Cooperativa de Explotación Comunitaria de Terras e Gandos de San Cristóbal de Tapia, en 1966, e a Cooperativa Feiraco, da que foi socio fundador.

En 1989 lanzou a denominación Tenreira Galega, que constituíu o primeiro órgano reitor como Produto galego de calidade, e que posteriormente tentou a denominación Carne de Rubia Galega. Así mesmo, foi concelleiro no concello do que era oriúndo. En 2001 publicou a Lembranzas e Unha vida no campo galego e, en 2004, o libro Os muiños de Riamonte.

O alcalde de Ames, Blas García, decretou un día de loito oficial, polo que as bandeiras ondearán a media hasta desde as 12 horas deste mediodía até esta quinta feira á mesma hora. Segundo destacou, Maximino Viaño era unha persoa "moi querida, coñecida e apreciada" do Concello que fixo "un traballo moi importante" tanto no ámbito cultural como empresarial.