Feiraco, 50 anos coa mirada no futuro

Feiraco naceu o 6 de xuño de 1969 nun cinema de Negreira elixido para a asemblea constituínte por ser o único espazo da contorna que podía dar acollida ás 407 persoas que asistían a esa xuntanza como socias fundadoras desta cooperativa. Unha cooperativa que, coa posta en andamento canda Os Irmandiños e Melisanto en 2016, do grupo lácteo CLUN, aspira a sumar para avanzar perante os novos retos e desafíos do sector. Eis un extracto da reportaxe, publicada no semanario Sermos Galiza en papel número 358.
f_3_Feiraco
photo_camera [Imaxe: Cedida] Representantes da CLUN

m_3_FeiracoA de Feiraco é, para o economista e profesor da Universidade de Santiago Xoán Carmona, a historia “dun faro na tormenta”. Unha cooperativa que foi quen de sobrevivir e superar as dificultades, crises, voltas e reviravoltas que o sector agrogandeiro galego padeceu nestas cinco décadas. “É a única empresa galega que conseguiu sobrevivir como tal de todas as lácteas que se fundaron na expansión da demanda de finais dos 60 e dos 70”, reflexiona Carmona no libro colectivo Pasado, presente e futuro do mundo rural. “E sen perder a súa identidade cooperativa”, acrecenta.

O 20 de outubro de 1968 reúnense en Negreira 52 persoas do mundo gandeiro e rural para avaliar a posibilidade de crear unha cooperativa. Oito meses despois, xuño de 1969, 407 persoas ateigan o cinema de Negreira para participar na asemblea constituínte de Feiraco. María José Cabaleiro e Carlos Iglesias, da Universidade de Vigo, consideran que o nacemento de Feiraco está moi influenciado pola historia da comarca do Val de Barcala, unha zona “cunha ampla experiencia asociativa”.

Desde os pasos iniciais liderados polo primeiro presidente da cooperativa, Jesús García Calvo, até hoxe pasaron cinco décadas e mudaron moitisimas cousas. Hoxe Feiraco ten 3500 socios e recolle máis de 120 millóns de litros de leite. O leite procede dos socios e socias gandeiras estendidos por unha vintena de concellos, principalmente nas comarcas de Santiago, Ordes, Arzúa e A Coruña. O impulso en 2016 do grupo lácteo CLUN –Cooperativas Lácteas Unidas– canda as tamén cooperativas Os Irmandiños e Melisanto, nace da vontade de competir a nivel global e cos pés na Galiza.

Perto de catro mil socios e socias de máis de 30 municipios do centro e norte da Galiza e máis de 400 traballadores conforman na actualidade CLUN, que facturou en 2017 por volta de 125 millóns de euros; ademais de 76 millóns de Feiraco Lácteos e os 27 millóns de Acolat‑Clesa. En total, 230 millóns de euros. “Clun recolle a luva de Feiraco para liderar o sector lácteo mirando o escenario mundial”, resumiu José Montes, presidente da Fundación Feiraco.

Xoán Carmona bota a mirada atrás e ve como ao longo deste tempo “naufragaron as máis das explotacións agrogandeiras que existían nos 60 e foron a pique as máis das empresas galegas que se iniciaron na transformación dos seus produtos”. Por iso, considera, o de Feiraco ten moito mérito. “E non contou con ningún brazo financeiro, como si tiveron outros”.

O profesor da USC incide en que esta cooperativa foi para estas comarcas “unha garantía de recollida do leite en condicións de prazo e seguridade que non gozaron outras comarcas” do país. De ser así, a realidade agrogandeira do país sería ben outra. A historia da cooperativa ten varios momentos clave. Un dos primeiros, a inicios da década dos 70, coa inaguración da factoría de pensos en Ponte Maceira.

Nesta década iníciase envasado de longa vida UHT. Os primeiros brics de Feiraco empezaron a chegar ás casas dos consumidores. A inicios dos 80 comezaron a funcionar o economato, a gasolinera e o taller; tamén o asesoramento técnico, veterinario e agrónomo para as persoas socias. A inauguración da nova fábrica de pensos marcou tamén unha nova etapa.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 358 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios