Falece aos 100 anos Severino Escurís Batalla, pioneiro da industria conserveira

Escurís Batalla, Conresa, Albacora e Actemsa son os nomes dalgunhas das compañías que figuran no historial deste empresario nado en Rianxo en 1925.

Severino Escurís Batalla. (Foto: RP Galicia)
Severino Escurís Batalla. (Foto: RP Galicia)

O empresario Severino Escurís Batalla, referente da industria conserveira na Galiza, faleceu aos 100 anos de idade, segundo informou esta cuarta feira Actemsa S.L., a empresa dedicada á importación e exportación de peixes que fundou en 1994.

Nun comunicado, a compañía lembra que, herdeiro do carácter emprendedor do seu pai, Manuel, Severino Escurís Batalla naceu en Rianxo (O Barbanza) o 18 de xullo de 1925.

O seu proxenitor, fundador da industria madeireira Manuel Escurís, impulsa anos máis tarde a conserveira Escurís na Pobra do Caramiñal, cunha fábrica no Castelo que será un emblema para todo o Barbanza e o punto de partida dunha das sagas empresariais máis importantes da Galiza: os Escurís.

Con 17 anos, en 1942, Severino Escurís entra na empresa familiar e converterase nun dos máximos expoñentes dunha xeración de empresarios. En 1959, o mesmo ano no que se constrúe o emblemático Cine Elma, que responde as iniciais dos seus pais, Elisa e Manuel, participa na creación de Conresa, unha factoría de fariña de peixe.

En 1963 expándese Escurís cunha segunda fábrica en Escarabote, en Boiro, e en 1970 comeza a ampliar as súas instalacións da Pobra. Nestes anos, Severino Escurís participa na creación de Albacora, primeira frota atuneira do mundo.

O final dos anos 70 marca o camiño da internacionalización, coa creación dunha empresa de elaboración de berberechos en Holanda, Cardium Edule, e ademais comézase a construír un xigante da industria conserveira, a planta de Baiuca.

En 1979 falece o seu pai e Severino Escurís é nomeado presidente do Consello de Administración. En 1984 inaugúrase a nova fábrica, con novas liñas de produción de atún e sardiña, e durante todo o seu mandato a expansión da conserveira elevou á familia Escurís ao grupo dos grandes do sector conserveiro a nivel internacional, época que coincide coa incorporación da terceira xeración á compañía.

En 1986 crea Cartón de Galicia SA (Cartogal), en 1991 adquire Rianxeira de Mariscos e constitúese Tunaliment, para a elaboración de alimentación animal. Froito do seu carácter emprendedor, á idade de xubilarse decidiu crear Actemsa coa súa esposa María Villa e os seus fillos en 1994, aos 69 anos, unha operadora global de túnidos e peixe conxelado que foi pioneira do Polígono da Tomada, na Pobra.

Xa en 2006, compra a empresa brasileira Leal Santos, con fábrica de conservas, frota pesqueira, planta de elaboración de fariñas de peixe e porto propio.

Os seus méritos, tal e como lembra a compañía, foron recoñecidos por numerosas institucións, destacando a Medalla de Ouro ao Mérito do Traballo do Goberno de España (1994), da Cámara de Comercio, da Asociación de Empresarios do Polígono da Tomada, o Dolmen de Ouro da Federación de Empresarios do Barbanza, a Medalla de Anfaco á traxectoria empresarial (2025) e o recoñecemento de AePuebla e o Concello da Pobra do Caramiñal o pasado 4 de xullo. Ademais, a conserveira Escurís foi distinguida coa Medalla da Galiza en 1991.

Comentarios