mércores 05/08/20

A facturación da produción ecolóxica medra 17,8% en 2019

As vendas do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega) rozaron os 93 millóns. Ademais, aumentou a superficie certificada e o número de operadores.
A facturación da produción ecolóxica galega medrou 17,8% en 2019 (Craega)
A facturación da produción ecolóxica galega medrou 17,8% en 2019 (Craega)

A produción ecolóxica na Galiza segue a medrar con forza. Segundo os datos do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega), a facturación medrou o pasado ano 17,8%, até rozar os 93 millóns de euros. 

O presidente da entidade, Francisco López Valladares, sinalou durante a presentación do informe anual de actividade do Craega que estas cifras "avalan o labor deste Consello ano a ano. A demanda cada vez maior de produtos ecolóxicos disparou as vendas a taxas de dous díxitos e o volume logra xa os 92,7 millóns de euros", apuntou. 

Por subsectores, a produción animal (56,5 millóns de euros), a vexetal (21,6 millóns) e a acuicultura (14,4 millóns) son as que máis volume de ingresos xeran. Dentro da primeira delas, o leite (32,9 millóns) e as carnes (15,7 millóns) encabezan a cifra de negocio deste subsector. 

No extremo contrario sitúanse os cereais, cunha caída de vendas certificadas de 96,59% o pasado ano, un feito que no Creaga atribúen á ausencia de importación de terceiros países. Tampouco foi un bo ano para a castaña, xa que a súa facturación minguou 43% como consecuencia da escaseza de choivas.

Aumento da superficie

Pero as vendas non son o único indicador que medra. A superficie certificada logrou en 2019 as 34.378,12 hectáreas, o que representa 2,9% máis. Na última década a extensión dedicada a ecolóxico aumentou 143,9%. Os pastos permanentes, cun incremento de 7,69% no último ano, representan 79% da superficie certificada. Tamén destaca o feito de que catro de cada dez hectáreas de cultivos permanentes destínanse á castaña.

En canto ao número de operadores, 2019 fechou con 30 novas altas (17 elaboradoras e comercializadoras e 13 produtoras. As persoas produtoras representan 74,2% do total, aínda que son as industrias as que máis impulsan o crecemento do Consello, sinal López Valladares. Na última década a súa cifra cuadruplicouse e xa representan 25,7% das persoas inscritas.

Impacto da Covid-19

No seu informe anual, o Craega recolle un capítulo sobre os efectos da Covid-19 no sector. Unha sondaxe entre as persoas integrantes da institución revela que "aínda que houbo excepcións, case 54% das enquisadas diminuíron a súa facturación por mor da pandemia. As vendas caeron de forma significativa: catro de cada dez reduciron as súas transaccións á metade ou incluso máis", indicou o presidente.

Pero a crise do coronavirus tamén trouxo consigo aspectos positivos, como o empurrón definitivo á venda online. Segundo a institución, 89% dos enquisados non dispoñía deste servizo antes da pandemia, mais 12,3% activouno durante o estado de alarma. Agora, á vista do escenario actual e das incertezas sobre un novo gromo, tres de cada dez persoas asociadas ao Craega teñen previsto activar o comercio electrónico a curto-medio prazo.

comentarios