A eurozona entrou en recesión técnica tras contraerse un 0,1% no primeiro trimestre

A última revisión dos datos de 'Eurostat' certifica este retroceso.
O símbolo do euro diante da sede do Banco Central Europeo, en Frankfurt, Alemaña. (Foto: Europa Press)
photo_camera O símbolo do euro diante da sede do Banco Central Europeo, en Frankfurt, Alemaña. (Foto: Europa Press)

O produto interior bruto (PIB) da zona euro rexistrou unha contracción de 0,1% no primeiro trimestre de 2023, o que supón a entrada en recesión técnica da economía da rexión, despois da caída da actividade, tamén de 0,1%, no cuarto trimestre de 2023, segundo se desprende da última revisión do dato publicada por Eurostat. Así, a oficina estatística comunitaria revisou dúas décimas á baixa a súa anterior estimación, publicada a mediados de maio, que apuntaba a unha expansión de 0,1% do PIB da eurozona entre xaneiro e marzo.

Trátase da primeira recesión rexistrada na economía da zona euro desde que se contraera o PIB consecutivamente no primeiro e o segundo trimestre de 2020, como consecuencia do impacto da pandemia da Covid-19 e das restricións implementadas na economía. No conxunto da Unión Europea, a economía logrou medrar por volta de 0,1% entre xaneiro e marzo, despois da contracción de 0,2% observada entre outubro e decembro de 2022. En comparanza co primeiro trimestre de 2022, a economía da eurozona e do conxunto da UE aumentou 1% en cada caso.

Durante o primeiro trimestre de 2023, o PIB de Estados Unidos aumentou 0,3% en comparación co trimestre anterior, despois do avance de 0,6% no cuarto trimestre de 2022. Aliás, en Xapón o PIB medrou 0,7%, fronte a 0,1% dos tres meses anteriores.

Segundo as cifras desestacionalizadas de Eurostat, os volumes do PIB na zona euro e a UE foron de 2,2% e 2,9%, respectivamente, superiores ao nivel rexistrado no cuarto trimestre de 2019, antes da pandemia da Covid-19. No caso dos EUA, o PIB foi 5,4% superior ao nivel do cuarto trimestre de 2019.

Entre os países da UE cuxos datos estaban dispoñíbeis, o maior crecemento do PIB no primeiro trimestre do ano correspondeu a Polonia (+3,8%), por diante de Luxemburgo (+2%) e Portugal (+1,6%). Pola contra, a peor evolución económica observouse en Irlanda (-4,6%), Lituania (-2,1%) e Países Baixos (-0,7%).

Entre as maiores economías da UE, Alemaña entrou tamén en recesión cunha contracción do PIB no primeiro trimestre de 0,3%, tras a caída de 0,5% nos tres meses anteriores, mentres que o PIB de Francia aumentou 0,2%, logo de estancarse no cuarto trimestre de 2022, e o de Italia subiu 0,6%, despois unha contracción de 0,1% entre outubro e decembro do ano pasado.

No Estado español o PIB creceu 0,5% no primeiro trimestre de 2023, fronte á repunta de 0,4% dos tres meses anteriores. En termos interanuais, o maior crecemento do PIB rexistrouse no Estado (+3,8%), por diante de Chipre (+3,4%) e de Malta (+3,2%), mentres que as maiores contraccións observáronse en Estonia (-3,7%), Lituania (-2,7%) e Hungría (-1,1%).

Comentarios