O Euríbor continúa a escalar ao tempo que o euro cae

O PIB do Estado crece 1,5% no segundo trimestre.
A presidenta do BCE, Cristine Lagarde. (Foto: Europa Press)
photo_camera A presidenta do BCE, Cristine Lagarde. (Foto: Europa Press)

O Euríbor marcou un novo fito onte ao situarse en 2,5%, un nivel que non tocaba desde xaneiro de 2009, tras as revisións dos tipos de xuros por parte dos bancos centrais nos últimos días. A suba do Euríbor prodúcese como unha reacción preventiva ás novas medidas de política monetaria do Banco Central Europeo (BCE) e no contexto dos incrementos anunciados polos bancos centrais dos Estados Unidos de América (EUA), Suiza e o Xapón.

"Por primeira vez desde hai moitos anos, os EUA e a Unión Europea (UE) teñen o mesmo problema ao mesmo tempo: unha inflación desbocada que deben combater. Ambos tiraron da mesma ferramenta, os tipos de xuro. Por iso non resultará estraño que se os EUA soben os seus tipos de xuro hoxe, o BCE siga os seus pasos e aumente os seus a 0,75% este outubro, especialmente se os últimos datos da inflación de setembro seguen altos", sinalou a cofundadora de HelpMyCash, Olivia Feldman.

Segundo o comparador financeiro, o Euríbor podería fechar o ano cun valor rozando 3%, o que encarecerá notabelmente as cotas das actuais hipotecas variábeis. Os máis afectados serán as persoas usuarias con revisión en xaneiro, ás que se lles aplica actualmente un Euríbor de -0,502% e cuxo interese subirá en 3,5 puntos tras a actualización do seu contrato.

Se o índice termina o ano en 3%, unha persoa cun préstamo medio de 150.000 euros a 25 anos e un interese do nivel do Euríbor máis 1% á que toque revisión do seu contrato co valor de decembro sufrirá un aumento na súa cota de ao redor de 50%, ao pasar de pagar 532 euros ao mes a 792 euros (o encarecemento será duns 3.120 euros ao ano).

O euro, ao bordo de caer por baixo dos 0,97 dólares

A cotización do euro fronte ao dólar rexistrou onte un novo descenso á baixa, ao depreciarse a moeda comunitaria até o seu peor valor desde hai 20 anos. Durante a última xornada iniciou unha senda baixista que levou a moeda non só a perder a cota dos 0,98 dólares, senón a achegarse á dos 0,97 dólares.

O Estado español acelerou o seu crecemento do PIB

A economía do Estado español acelerou o seu crecemento trimestral entre abril e xuño até 1,5%, o que supón 1,7 puntos por encima da taxa rexistrada no primeiro trimestre e catro décimas superior á avanzada en xullo, segundo os datos de Contabilidade Nacional publicados onte polo Instituto Estatal de Estatística (INE). O avance interanual do Produto Interior Bruto (PIB) sitúase en 6,8%, unha décima máis que o trimestre precedente.

Comentarios