A etapa de Feixoo, en imaxes (IV): A alternativa industrial de Núñez Feixoo

Alberto Núñez Feixoo e Emilio Lozoya Austín na sede de Pemex en México D.F en marzo de 2014. (Foto Xunta da Galiza)
Os 13 anos de Goberno de Feixoo deixaron máis de 33.500 empregos destruídos na industria. As propostas do Executivo resultaron ineficaces para dar resposta á situación económica. A compra de Barreras por Pemex impulsada pola Xunta foi un caso paradigmático destas políticas.

Emilio Lozoya Austín é o detido por corrupción máis famoso de México. Presidente do monopolio estatal dos hidrocarburos, Petróleos de México (PEMEX), entre 2012 e 2016, actualmente a Fiscalía Xeral da República de México solicita para el 39 anos de cárcere, acusado de asociación delituosa, lavado de diñeiro e suborno. Lozoya está considerado como a peza chave no aparato de corrupción do anterior presidente mexicano, Peña Nieto, tendo recoñecido recibir subornos da construtora brasileira Odebrecht e doutras compañías beneficiadas por negocios con Pemex e o Estado mexicano.

Unha das causas polas que está sendo investigado Lozoya é a compra do estaleiro de Barreras por Pemex. Sen ir máis lonxe, o 9 de febreiro de 2022, o actual director xeral de Pemex, Octavio Romero Oropeza, referiuse a esta venda sinalando que os estaleiros vigueses "estaban en bancarrota e practicamente fechados e durante unha visita decidiuse rescatalos, comprando o 51%".

"Como non chegaba ese diñeiro", continuou Romero, "encargáronse uns barcos, chámaselles floteis, [...] e cando se remataron de construír resultou que Pemex non os necesitaba. Encargáraselles nada máis que para dar negocio e viabilidade aos estaleiros, polo que se decidiu vendelos. O curioso é que cando estes barcos se ofreceron no mercado ninguén quería pagar máis que a metade do que custou construílos".

A conexión de Feixoo con Pemex

O Goberno e a prensa mexicana cuestiona o papel da Xunta da Galiza nesta operación. A este respecto, o 17 de febreiro de 2020, o prestixioso xornal El Universal destacou que "o exdirector de Pemex forxou vínculos e negocios co político Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza, e a empresaria Mar Sánchez Sierra, tras a compra dun estaleiro a sobreprezo e mediante presuntos actos de corrupción. Eles protexían a  Lozoya na Costa do Sol española".

A venta de Barreras a Pemex negociada pola Xunta da Galiza rematou en fracaso. A compra do estaleiro vigués pola petroleira mexicana formalizada a finais de 2013 por 5,1 millóns de euros abriu a porta a unha crise aínda máis fonda da compañía, atopándose actualmente inmerso o cadro de persoal nun duro conflito laboral pola continuidade do emprego.

Neste sentido, a situación de Barreras non é un feito illado no sector naval da comarca de Vigo, que sofre nos últimos tempos unha crise descoñecida.

A destrución do emprego

O complexo industrial é un dos máis golpeados polo programa económico do Goberno de Feixoo. Así, entre 2008 e 2021 o valor xerado polas manufacturas galegas reduciuse en perto de 8%, mentres o sector manufactureiro alemán incrementou o seu valor engadido bruto en 29%. Ao tempo, a Galiza perdeu nos últimos 14 anos 33.555 empregos no sector industrial, pasando de 154.860 ocupados en decembro de 2008 a 121.305 na actualidade. Neste sentido, a profesora da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela María Cadaval sinala a Nós Diario que "a Galiza leva perdido un de cada cinco empregos industriais desde o ano 2008".

A produción industrial está moi por baixo das cifras de 2008 non conseguindo recuperar en ningún dos exercicios os niveis anteriores á crise. Neste sentido, no relatorio  A economía galega. Informe 2019/2020 signifícase que "a produción industrial en 2019, que como indicamos foi inferior  á de 2018, distaba aínda moito de alcanzar a lograda  na  primeira década deste século. Así, mentres o valor medio do Índice de Produción Industrial (IPI) xeral en 2007 (base 2015) era 140,1, en 2019 era 105,1; cunha diferenza de 35 puntos que reflicte unha preocupante caída na actividade industrial". Ao tempo, en 2019 só os sectores da alimentación, bebidas, papel, químicas e outras industrias manufactureiras superaban a produción de 2007.

A crise bateu con forza tamén, naquelas empresas de maior dimensión. Así, entre 2008 e 2019, a Galiza perdeu 1.031 empresas que superaban os 9 traballadores, o que supón unha caída de 37,5%, algo particularmente grave nun sector como o industrial, onde o tamaño é importante para aproveitar as economías de escala e favorecer a internacionalización. En relación con isto, o economista da USC Gonzalo Rodríguez afirma a Nós Diario que "neste caso o tamaño si importa". As empresas, sinala, "necesitan lograr unha escala mínima para poder exportar e innovar" e lembra que "as empresas de menos de 50 empregados representan na Galiza o 94,43% do total".