Feixoo agocha os proxectos patrocinados pola Xunta

O Estado xestionará o groso dos fondos do Plan de recuperación

As dúbidas sobre os tempos, a xestión e a contía dos fondos recollidos no denominado Plan de recuperación continúan. A xuntanza de Pedro Sánchez e a presidenta da Comisión Europa, Ursula von der Leyen, cos mandatarios autonómicos adiantou algunhas liñas, mais non serviu para clarificar as cuestións chaves do programa.
Pedro Sánchez
photo_camera Pedro Sánchez (Foto: Europa Press)

O xefe do Executivo español, Pedro Sánchez, anunciou na XIII Conferencia de Presidentes que aproximadamente o 50% dos proxectos financiados a cargo do Plan de recuperación serán xestionados polas autonomías, porén a contía destas propostas representan unha parte reducida das axudas. Segundo Sánchez, a capacidade de participación destas estarán limitadas a aqueles aspectos “onde a Constitución recoñece competencias ás autonomías. Será nestas áreas onde as comunidades poidan executar os proxectos e programas que presentan e sexan aprobados”.

Sánchez sinalou no cumio que os Executivos autonómicos poderán impulsar proxectos ou programas en materia de vivenda, educación, políticas sociais, políticas activas de emprego ou medio ambiente. Neste sentido, destinarán á rehabilitación de vivendas 4.300 millóns, a biodiversidade 2.500 millóns, a coidados e igualdade de oportunidades 2.000 millóns e a dixitalización 600 millóns. Así e todo, as fontes gobernamentais recoñeceron que estas cifras non son definitivas, xa que se descoñece con exactitude a contía total das liñas de asistencia económica. A respecto do total das axudas solicitadas polo Executivo estatal, Sánchez anunciou, na reunión, a vontade de demandar a totalidade dos 140.000 aprobados na reunión do Consello Europeo de xullo, rectificando o criterio enunciado a semana pasada.

A presidenta da Comisión Europa, Ursula von der Leyen, quen estivo presente na xuntanza telemática, manifestou o apoio da UE ao Estado español, nun momento onde as autoridades comunitarias e algúns países como Alemaña ven con moita preocupación a súa situación e mesmo a súa posíbel quebra. “Europa está con vostedes”, afirmou Von der Leyen, quen destacou que un terzo dos investimentos servirá para financiar as liñas do Pacto Verde europeo e expresou o seu convencemento en que o Plan de recuperación poida impulsar unha “década dixital”. A dirixente comunitaria felicitou Sánchez pola súa decisión de modificar a lexislación en materia de contratos e subvencións públicas para avanzar na colaboración público-privada.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, aproveitou a reunión para expor “o traballo realizado até agora pola Galiza, cunha proposta de máis de 100 proxectos xa enviada ao Goberno e que suporía unha mobilización de máis de 9.400 millóns de euros”. Nesta liña, afirmou que “é necesario un programa de proxectos tractores da nosa economía vinculados á innovación, ao medio rural e á transición ecolóxica e que podería encaixar nos obxectivos da UE”. “Hai que recoñecer que estes criterios son aínda descoñecidos e a maioría dos presidentes autonómicos sinalámolo”, destacou. A este respecto, a principal formación da oposición, o BNG, criticou os criterios da Xunta da Galiza e apostou en facer chegar as axudas aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas.

O presidente galego recoñeceu, en relación cos fondos, que “estamos aínda sen criterios tanto europeos como españois, aínda que hai algúns parámetros xerais que coñecemos”. Defendeu un reparto atendendo “a criterios transparentes e obxectivos”. “É necesario un deseño que combine tres aspectos: concorrencia competitiva sen arbitrariedade, proxectos de viábeis e de futuro e que se garanta unha recuperación simétrica das diferentes rexións europeas, tendo en conta a demografía, a renda per cápita ou a dispersión da poboación”, salientou Feixoo. Ao tempo, confirmou que a chegada dos fondos se atrasaría até finais de 2021, se ben non entrou a valorar as consecuencias da demora na súa chegada en relación coas previsións iniciais do Executivo. 

Feixoo continuou sen concretar o contido da totalidade dos proxectos presentados pola Xunta da Galiza e apuntou á vindeira semana para facelos públicos, mais destacou “a totalidade dos vinculados á viscosa, pola especial importancia dos sectores da madeira e o do téxtil na Galiza” e os do “impulso da economía circular relacionado coa produción láctea e os residuos gandeiros”. Segundo algunhas fontes, após a proposta da viscosa atoparíase a compañía Ence, propietaria da fábrica de celulosa de Pontevedra, e tras a planta de hidróxeno anunciada por Feixoo, Liberty House, a multinacional interesada na factoría de Alcoa de San Cibrao (Cervo). Outra das propostas estaría impulsada polo grupo Inditex, co obxectivo de ampliar e mellorar a dixitalización dalgúns dos seus centros de produción na Galiza. 

O plan de reformas enviado a Europa

O mesmo día en que Pedro Sánchez, acompañado da mandataria europea Ursula von der Leyen, compareceu na XIII Conferencia de Presidentes para dar conta das liñas do Fondo de Recuperación, deuse a coñecer o programa de reformas enviado polo Goberno español a Bruxelas para poder acceder ás liñas de axudas europeas. A proposta remitida polo Executivo español ás autoridades comunitarias recolle boa parte das mudanzas lexislativas que a Unión Europea lle tiña solicitado ao Estado no marco dos semestres remitidos nos últimos tres anos. Así, entre elas destacan a renuncia a derrogar a reforma laboral aprobada polo Partido Popular ou a modificación do réxime de pensións na perspectiva de alongar a duración da idade laboral. A Comisión Europea e os Estados membros da UE terán a última palabra sobre as mesmas.

Comentarios