O Estado podería asumir con fondos públicos máis de 2 mil ME en perdas de NGB após vendela a Banesco

Un informe publicado pola Comisión europea revela que o Estado asumirá as perdas polos litixios abertos con anterioridade á venda da entidade financeira. 

FROB

O Estado continuará a facer fronte ás perdas da entidade financeira resultante da fusión e bancarización das caixas mesmo despois de vendela a Banesco. Faráo através do FROB e prevese que a cantidade total ascenda a 2.332 millóns de euros segundo publicou a Comisión europea nun informe enviado ás autoridades españolas.

Trátase dunha previsión que o FROB xa incluía no informe de venda de NGB, con data de 2013, mais no que unicamente se especificaba a porcentaxe de perdas que serían asumidas con fondos públicos, o 85%.

Segundo o organismo faríao en concepto das "contías ás que NCG Banco deba facer fronte" como consecuencia da transmisión de activos ao Sareb --banco malo-- da obriga de aboar indemnizacións a compañías de seguros polos procesos arbitrais, responsabilidade derivada da venda de activos híbridos --preferentes e subordinadas-- e a comercialización de préstamos hipotecarios con cláusulas chan, entre outros litixios abertos con anterioridade á venda da entidade financeira a Banesco. 

Máis de 10 mil millóns públicos perdidos

De acordo coas previsións feitas públicas naquel momento polo Ministerio de Economía español esta contía oscilaría entre os 0 e os 500 millóns de euros mais, após a publicación por parte da Comisión do seu informe, esta cantidade podería chegar a máis de 2.000 millóns de euros (2.332.000.000). 

Esta cantidade viría a se sumar aos perto de 8 mil millóns de euros perdidos polo FROB coa venda de NGB, pois Banesco mercou a entidade por pouco máis de mil millóns de euros logo de que NovaGalicia Banco fose resgatada con 9 mil millóns de euros públicos. 

De se cumprir as previsións da Comisión europea, o FROB tería perdido co resgate e venda de NovaGalicia Banco máis de 10 mil millóns de euros públicos.

Comentarios