A TRANSICIÓN ECOLÓXICA

A equiparación dos impostos do diésel e gasolina permitiría recadar 10.000 millóns extra ao ano

Un informe elaborado por profesores da Universidade de Vigo destaca a necesidade de implementar unha fiscalidade verde que favoreza á descarbonización da economía.
carburantes
photo_camera [Imaxe: Europa Press] A suba do imposto ao diésel permitiría recadar 2.500 millóns máis ao ano; 10.000 se se equipara a países como Francia ou Italia

“Temos que actuar xa e de forma intensa para favorecer a transición enerxética”. Así de categórico se amosa Xavier Labandeira, catedrático de Economía da Universidade de Vigo, que esta terza feira presentou en Madrid xunto co seu colega de universidade Alberte Gago e os profesores da UNED José Labeaga e Xiral López, o estudo promovido pola Fundación Alternativas e a Fundación Iberdrola titulado “Impuestos energético-ambientales en España: situación y propuestas eficientes y equitativas”.

Segundo explicou en declaracións a Sermos Galiza, o documento contempla unha serie de “elementos cruciais para a transición enerxética” en materia de fiscalidade verde, na que España está “moi atrasada pola falta de actuacións durante décadas”.

Entre as medidas que contempla para favorecer o cambio cara unha economía máis limpa están a equiparación do impostos do diésel ó da gasolina, o que se traduciría en 2.500 millóns máis de recadación por ano, unha cantidade que podería elevarse até os 10.000 no caso de que esas taxas se elevasen ao mesmo nivel que teñen en países do noso entorno como Francia Italia ou Reino Unido.

O transporte é o gran cabalo de batalla para reducir as emisións. De feito tamén propoñen un imposto sobre os billetes de avión. “Neste caso facelo sobre o queroseno sería moi complexo polos distintos acordos entre países”, apunta Labandeira.

O terceiro eixo serían a descarbonización do sector enerxético, o segundo tras o transporte que máis contribúe as emisións de gases de efecto invernadoiro, para o que propoñen establecer o solo fiscal de carbono, que consiste na introdución dun imposto sobre os combustibles fósiles utilizados para xerar electricidade, adicional ao prezo dos dereitos de emisión.

Máis palos para as centrais galegas

Neste senso, explica que centrais como as de As Pontes ou Meirama “veríanse perxudicadas”, pero aclara que o fin neste caso non é recadatorio, senón incentivar a introdución de novas tecnoloxías menos contaminantes. “Non facer nada pode traer moitas desgrazas despois”, advirte o catedrático, quen ve como na Galiza sectores que podían terse adaptado “chegan ao shock”

“Estes cambios son procesos longos e precisan de políticas firmes que vaian orientando ao sector empresarial e aos cidadáns cara e necesidade do cambio” “De non poñelos en marcha os custos potenciais poden dispararse”, alerta.

Medidas compensatorias

Para evitar os efectos que a suba podería ter nas familias, Labandeira e os seus compañeiros propoñen unha serie de compensacións que se cubrirían con parte do recadado e que se materializarían, por exemplo en paquetes económicos para a renovación da flota de vehículos que axudaran a “expulsar” aos máis contaminantes; redución de impostos sobre o traballo, ou cheques para familias por debaixo de determinados umbrais. No caso das enerxéticas, con plan para o fomento das renovábeis.   

Segundo o propio Labandeira, estas propostas tiveron moi boa acollida na xornada celebrada en Madrid. Entende que o Goberno que saia das próximas eleccións debería tomar nota delas “independientemente da cor”, xa que este cambio “non ten ideoloxía”. “É un tema que hai que retomar”, conclúe.

Comentarios