Endesa crea industria eólica en León mentres a Galiza perde empresas no sector

Vellas pas de muíños eólicos almacenadas nas instalacións industriais de Endesa nas Pontes á espera dunha segunda vida (Foto: Endesa)
Nos últimos anos firmas como Vestas ou Gamesa marcharon do país a pesar do crecente número de solicitudes de proxectos eólicos a desenvolver na Galiza

Endesa, en consorcio con PreZero ─firma que o pasado ano integrou a división ambiental de Ferrovial Servicios─, Reciclalia Composite e General Electric, vén de anunciar un investimento de 8,5 millóns de euros en Cubillos do Sil (Castela e León) para levantar nos terreos da antiga central térmica de Compostilla a que será a primeira fábrica de reciclaxe de pas eólicas da Península Ibérica.

A nova factoría, cuxa construción arrincará o vindeiro ano para a súa posta en funcionamento a comezos de 2024, levará aparellada a creación de 30 postos de traballos directos, aos que hai que sumar os indirectos asociados a tarefas loxísticas.

O obxectivo da empresa é reciclar 6.000 toneladas anuais de fibra de vidro e carbono dos aeroxeradores, dando así unha segunda vida aos materiais das pas, e tamén outros residuos industriais de procesos produtivos de materiais compostos.

Este é un dos sete proxectos aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e a Xunta de Castela e León dentro do Plan Futur-e da compañía eléctrica nos territorios afectados polos procesos de descarbonización. 

No caso da Galiza, eses territorios correspóndense cos das antigas centrais térmicas de Meirama, en Cerceda, onde Naturgy proxecta unha planta de hidróxeno verde e outra experimental de biogás, e o das Pontes, onde Endesa prevé, ao igual que fixo en Cubillos del Sil, abrir os seus terreos á instalación de novas industrias.

Plan de feche

Na Galiza segue sen haber avances significativos nestas iniciativas. No caso das Pontes, as alegacións presentadas pola Xunta e o Concello ao plan de feche por entender que a eléctrica non cuantificaba correctamente o impacto social, económico e ambiental do mesmo atrasaron os prazos previstos. 

Como indican desde Endesa a Nós Diario, o plan Futur-e, que contempla ademais o desmantelamento da propia central, a formación do persoal para eses traballos e o desenvolvemento de novos parques eólicos na contorna, non se activará até que a eléctrica non conte coa devandita autorización de feche, mais recoñecen que o proceso para captar investimentos a nivel internacional está xa en macha.

Ese atraso na autorización de feche, que se podería concretar en cuestión de semanas, xa que o Ministerio conta cos informes pertinentes das Administracións, está a condicionar a implantación de novos proxectos industriais na Galiza, e especialmente nunha zona castigada por marchas como a de Siemens-Gamesa, empresa especializada na construción de pas eólicas.

Paradoxalmente, o aumento de proxectos eólicos, moitos deles contestados por colectivos ecoloxistas e a cidadanía dos concellos nos que se asentan, non evita que industrias que poderían revitalizar estas comarcas marchen do país ou elixan outros emprazamentos fóra da Galiza.

Xunto ao de Siemens-Gamesa tamén está o caso da factoría de Vestas en Viveiro, na que as 115 persoas que alí traballaban deixaron de producir xeradores eléctricos para muíños eólicos. O persoal aínda confía en darlle unha segunda vida da man dun investidor que, segundo os prazos de Vestas, debería aparecer antes de que remate 2022.