venres 03/12/21

As trabas burocráticas arriscan ducias de empregos nas Pontes

O cambio de criterio na tramitación, que pasa de simplificada a ordinaria, atrasa os plans de Endesa para o feche da central térmica e condiciona os acordos para as recolocacións e o mantemento do emprego.
A central térmica de Endesa nas Pontes será a única do Estado español que teña que tramitar o seu fechamento pola vía ordinaria (Foto: Endesa).
A central térmica de Endesa nas Pontes será a única do Estado español que teña que tramitar o seu fechamento pola vía ordinaria (Foto: Endesa).

Endesa tiña todo encamiñado para iniciar o proceso de desmantelamento da central térmica das Pontes en pouco máis dun mes, mais as alegacións presentadas pola Xunta e o Concello botaron por terra os seus plans e deixaron no aire a continuidade de ducias de empregos.

As alegacións destas dúas Administracións, centradas en cuestións técnicas do proceso de desmantelamento e relacionadas con aspectos medioambientais, como a posíbel afección aos cursos fluviais e ao parque natural das Fragas do Eume, levaron o Ministerio para a Transición Ecolóxica a tramitar a solicitude de fechamento pola vía ordinaria, no canto da simplificada, unha singularidade ─o resto de solicitudes de fechamento de centrais foron simplificadas─ que xoga en contra dos intereses do cadro de persoal da central, das auxiliares, da propia Endesa e da comarca en xeral.

Alberte Amado, da Federación de Industria da CIG, sinala a Nós Diario que, segundo lles transmiten as Administracións, "como mínimo até final de ano" non está previsto que remate este proceso administrativo.

O compromiso de Endesa coas traballadoras e cos traballadores é tan só até o 30 de xuño, data inicialmente prevista para a resolución do proceso administrativo. Porén, apunta, Endesa non está agora en disposición de garantir nada porque descoñece os tempos formais.

"Supomos que existe unha base sólida para que se colla este percorrido, mais as propias Administracións tamén teñen que garantir a outra parte", afirma Amado, que insiste en que "non pode ser que este proceso supoña despedimentos en xuño".

Abocados ao paro

Nesta liña, o responsábel do sector enerxético de UXT, Nicasio Pena, advirte de que os transportistas e o persoal das auxiliares "vense agora abocados ao paro". Sinala que na actualidade está operativo un dos grupos para atender as necesidades de subministración enerxética, pero que se se perde esa dispoñibilidade "non fai falta persoal ningún na central".

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A través do comité de crise, integrado polo empresariado, concello e sindicatos, solicitaron a convocatoria da Mesa das Pontes, na que tamén están presentes Xunta, Ministerio e a propia Endesa, "para que nos aclaren a situación". "Fálase de que se podería convocar entre esta semana ou a que vén, pero de momento non hai nada oficial", recoñece Pena.

Poucas alternativas

Pola súa banda, José Hurtado, secretario xeral da Unión Comarcal de CCOO de Ferrol, apunta que o único plan alternativo que existe é que Endesa acceda a iniciar traballos previos ao desmantelamento para quitar partes da instalación que non impidan que a central poida entrar en operación, para o que xa están en conversas coa empresa.

Pola contra, lamenta que "tanto o Ministerio como a Xunta están calados e falta aínda asinar o convenio de transición xusta". "Aquí só hai uns transportistas que non teñen traballo e unhas auxiliares que finalizan o compromiso o 30 de xuño. Ademais, está paralizado o traslado da empresa principal, pero en xullo e agosto van mudar as tornas, e iso é preocupante", lamenta Hurtado.

As trabas burocráticas arriscan ducias de empregos nas Pontes
comentarios