Ence tributou polo Imposto de Sociedades 0 euros na Galiza e 5,1 millóns en Madrid
Ence tributou polo Imposto de Sociedades en 2023, último ano con datos, 6,3 millóns de euros. Segundo se recolle no Informe de sustentabilidade do grupo para ese ano, a empresa abonou por este concepto 1,2 millóns de euros en Andalucía e 5,1 millóns de euros en Madrid, comunidade autónoma na que non conta con ningún centro produtivo. Na mesma dirección, a corporación confirmou que non pagou ningunha contía polo Imposto de Sociedades nos restantes outros territorios onde desenvolve as súas actividades industriais, quer no ámbito da xeración de enerxía quer no da fabricación de pasta de papel.
É o caso da Galiza, onde tributou por Sociedades nesa anualidade cero euros. A razón pola que este grupo non pagou impostos no país por ese concepto derívase de que ningún dos seus centros de traballo emprazados na Galiza, concretamente na comarca de Pontevedra, ten aquí o seu enderezo a efectos fiscais e sociais. Ao tempo, o Informe de sustentabilidade de 2023 de Ence apuntou que as súas principais contribucións fiscais ao país procederon das taxas, que sumaron nese exercicio a contía de 1,8 millóns de euros, e do canon ambiental, que alcanzou os 1,4 millóns de euros.
As diferenzas na achega ao negocio de Ence de Madrid e Galiza son evidentes. Así, a capital do Estado acolle as oficinas centrais da compañía e a súa sede fiscal e social. Nesa comunidade, o grupo empresarial non desenvolve ningunha actividade de produción eléctrica ou de pasta de papel, os dous eixos sobre os que se articulan as súas liñas de negocio. Porén, o núcleo directivo do grupo e os seus principais executivos están asentados en Madrid, que acolle unha parte importante da central de compras, o que explica que o groso dos seus provedores e empresas contratistas estean emprazados, tamén, na capital do Estado.
A actividade de Ence en Pontevedra céntrase na fabricación de celulosa e na xeración de electricidade. Segundo os datos achegados polo Informe de Auditoría de Ence Energía y Celulosa, S.A. e sociedades dependentes, elaborado por KPMG para 2023, a factoría de Lourizán xerou ao grupo nesa anualidade uns beneficios de 28,9 millóns de euros, como resultado duns ingresos de 355,9 millóns de euros procedentes da venda de celulosa, nunha fábrica cunha capacidade de produción de 515.000 toneladas ano de pasta de papel, e 6,3 millóns de euros pola comercialización de electricidade, para unha potencia instalada de xeración enerxía renovábel procedente da biomasa de 35 megawatts (MW).
O IVE
A decisión de Ence de emprazar a súa sede social e fiscal en Madrid déixase notar noutros tipos impositivos diferentes ao de Sociedades. Mentres na Galiza tributou en 2023 polo Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) un total 89.000 euros, en Madrid a cantidade recada por este concepto ascendeu a 178.000 euros. Na mesma anualidade, o grupo pagou de IVE en Andalucía, onde mantén abertas na cidade de Huelva tres plantas de xeración de electricidade con biomasa cunha capacidade total de 137 MW, até 10,9 millóns de euros. No referido exercicio, tributou por IVE en Asturias –comunidade na que opera unha celulosa en Navia– 12,4 millóns de euros.
O impacto do denominado "efecto sede" no IVE fica demostrado nos propios documentos do Ministerio de Facenda. Neste sentido, o Informe anual de Recadación da Administración Estatal da Axencia Tributaria (AEAT) de 2022, o último publicado, recolle que Madrid ingresou en concepto de IVE 43.309 millóns de euros, unha contía que representou 54% do total recadado polo Estado por ese tributo e 3,1 puntos máis que no exercicio fiscal de 2021. Mentres tanto, Galiza, cuxo PIB significou nesa anualidade 5,2% do conxunto estatal, só recadou 3,6% do global do Estado. Así as cousas, a metade de todas as facturas con IVE xeradas en diversos puntos do Estado páganse en Madrid.
Os escasos beneficios fiscais xerados por Ence no país contrastan cos seus custos ambientais, sociais e económicos para a poboación galega, moi particularmente para a residente na comarca pontevedresa. A este respecto, o catedrático de Bioloxía e antigo presidente da Asociación para Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Ramón Varela, sinala a Nós Diario que “Ence é unha das industrias máis contaminantes da Galiza, especialmente polas súas verteduras á auga; consome máis auga e ten moitas máis verteduras que a cidade de Pontevedra”. Ao tempo, é un factor de desequilibrio da diversidade forestal.
A especialización do monte galego na produción de eucalipto nos últimos anos para atender as necesidades de materia prima da industria da pasta de papel está a xerar graves prexuízos económicos aos propietarios forestais, ao complexo agrario e pesqueiro e mais á cadea monte-industria. Se por unha parte o monocultivo de eucalipto rebaixa o prezo da madeira, por outra favorece tamén a ocupación de terras agrarias, aumentando os custos de explotación das granxas. Ao tempo, lastra un sector transformador forestal con actividades de alto valor engadido.
O "efecto sede" espreme Galiza e favorece Madrid
A realidade fiscal do grupo Ence non é unha excepción. Nesta situación atopábanse en 2023, último ano con cifras, 4.479 persoas físicas e xurídicas con actividade económica na Galiza mais cuxa sede fiscal se sitúa fóra do país. Ao tempo, perto de 80% das mesmas tributan na capital do Estado.
As cifras ofrecidas polo Informe anual de Recadación da Administración Estatal da Axencia Tributaria (AEAT) de 2022 indicaron que Madrid recadou 49,2% de todos os impostos do Estado malia representar 19,4% do produto interior bruto (PIB) estatal. Neste sentido, destacaron pola porcentaxe achegada o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) e mais o de Sociedades.
A elevada recadación de Madrid explícase polo coñecido como "efecto sede", que provoca o emprazamento a efectos fiscais e sociais na capital española de miles de empresas que desenvolven a súa actividade económica real noutras áreas do Estado. Precisamente, esta dinámica xoga contra os intereses do resto de comunidades autónomas, lastrando o desenvolvemento e succionando por diversos mecanismos, non só o fiscal, unha parte importante da súa riqueza.


