En Novagalicia Banco ''confiaban tanto nas preferentes que son posuidores e colocáronllelas a familiares''

O presidente da entidade, José María Castellano, insiste en que quen mercou o produto financeiro fíxoo conscientemente, e elevou até "o 50% da entidade" a porcentaxe do cadro de persoal que posúe algunha participación

Após afirmar hai uns días que a maioría das persoas afectadas polo caso das participacións preferentes de Novagalicia Banco mercaran o produto financeiro sendo conscientes "de onde se estaban a meter", e após coñecermos a sentenza dun xulgado de Cambados que condena á entidade a devolver 7.560€ a un veciño de Meaño, José María Castellano, presidente de NGB, afirmou esta segunda feira que o cadro de persoal da entidade "confiaba tanto nas preferentes que son posuidores e colocáronllelas aos seus familiares". Elevou ao "50% da entidade" o número de traballador@s que actuaron deste xeito.

Convencido da viabiliade en solitario da entidade, explicou nunha entrevista na radio que a campaña mediática do Antes de nada, perdón respondía ao desexo de transladar a idea de que tanto el como o conselleiro delegado, César González-Bueno, queren "facer outro banco". Após confirmaren que Novagalicia Banco fai parte das entidades que se beneficiarán "dos 100.000 millóns de euros que recibirá a banca española", colocaron a publicidade que anuncia a "nova etapa" na entidade. "E o primeiro de todo era pedir perdón". Castellano cobrará este ano 300.000 euros "como máximo".

Dixo compartir a "alarma social" xerada ao se coñeceren as indemnizacións que cobrará a antiga equipa directiva do banco --con xubilacións de 16 millóns como a de José Luis Méndez--, e polo caso das preferentes, así mesmo asegurou non ter intención de recorrer a sentenza do xulgado de Cambados. E recoñeceu que @s afectad@s merecen recuperar os seus cartos, e apuntou a que na entidade "non temos un problema de liquidez", mais ten que autorizar a operación a Comisión Europea.

Comentarios