As empresas que operan na Galiza e non pagan os seus impostos no país baten récord: 4.609

Xunta Xeral de Accionistas de Ence, que decorreu en abril deste ano en Madrid, onde a empresa posúe a súa sede central. (Foto: Europa Press)
Entre 2019 e o mes de agosto de 2025, máis de 500 sociedades galegas marcharon a outras comunidades autónomas do Estado.

O número de empresas que operan na Galiza mais que contan coa sede fiscal fóra do país segue a aumentar ano tras ano. Segundo os datos publicados esta terza feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE), en 2024, último ano con cifras, 4.609 persoas físicas e xurídicas con actividade económica na Galiza tributaron alén do Padornelo, facéndoo perto de 80% das mesmas na capital do Estado, Madrid. Son 130 empresas máis que en 2023 e 344 máis que hai unha década (2014), primeiro exercicio con datos dispoñíbeis do IGE. 

Galiza nunca declarou un número tan elevado de empresas con actividade no país e enderezo a efectos tributarios fóra del. Desas 4.609 firmas, 1.198 son sociedades anónimas, 2.784 sociedades de responsabilidade limitada, 16 cooperativas, 211 persoas físicas e as 400 restantes entran na categoría "outras".

O organismo estatístico dependente da Consellaría de Presidencia indica tamén, mais con datos fechados correspondentes a 2023, que estas empresas contan con 125.946 asalariados e asalariadas —80% no sector servizos e 20% na industria—, así como que a cifra de negocios xerada na Galiza por estas "empresas multilocalizadas" alcanzou no mencionado exercicio os 31.567 millóns de euros. Unha cantidade cuxos rendementos tributarios destínanse, en boa parte, fóra do país.

"Esas empresas pagan o Imposto de Sociedades fóra de aquí", explica a Nós Diario o economista Joám Romero. "É un imposto estatal que, polo que se ve até o de agora, non hai intención ningunha de compartir ou de ceder". Romero considera que, "sen un concerto económico" carécese "do marco que permitiría" que esas sociedades tributasen na Galiza por operar aquí ou pagar por parte dos beneficios que obteñen na Galiza. "En Euskadi e Nafarroa [que si dispoñen de concerto] teñen a ferramenta para poder facer iso", acrecenta.

O complexo industrial galego é un exemplo paradigmático desta situación. Así, a factoría de aluminio e alumina do grupo Alcoa en San Cibrao (Cervo, A Mariña), único centro de traballo desta multinacional no Estado español, con máis de 1.000 persoas empregadas de forma directa e indirecta e un consumo eléctrico que representa perto de 23% do total da Galiza, paga os seus impostos en Madrid, onde a compañía posúe a súa sede fiscal.

O debate sobre a tributación volta a traer a primeiro plano o 'efecto sede', do cal Madrid se beneficia en detrimento doutras comunidades, como a galega. A capital do Estado acolle a sede de miles de empresas e multinacionais que non desenvolven a súa actividade nesta comunidade, senón noutras, como Galiza. Un 'efecto sede' que deixa pegada en diversos aspectos, entre eles o dos investimentos estranxeiros directos (IED). Ese 'efecto sede' propicia tamén un efecto chamada que fai que cada ano ao redor da metade das empresas que optan por deixar Galiza para se asentar noutra parte do Estado escollan Madrid como nova sede. Entre 2019 e agosto de 2025, 518 sociedades marcharon da Galiza para outras comunidades, segundo os informes publicados pola empresa D&B Informa.

Datos da Galiza

As estatísticas publicadas esta terza polo IGE tamén recollen datos sobre as 229.457 empresas galegas con sede aquí. O sector servizos é o que engloba a maioría delas (155.359), seguido da construción (26.374) e da agricultura e pesca (35.237), mentres que na industria hai 12.487.

Segundo a súa personalidade xurídica, a persoa física é a tipoloxía máis habitual dentro do tecido empresarial galego, con 62,4% do total. Pola súa parte, 27,5% das compañías que operan no país son sociedades limitadas e o 1,4% son sociedades anónimas. As cooperativas representan 0,54% do total e máis de 8% son "outro tipo" de personalidade. Con todo, isto varía en función do sector, segundo destaca o IGE. Así, por exemplo, case 82,9% das empresas do sector primario son persoas físicas.

Algo máis de 6.600 desas case 230.000 empresas teñen 20 ou máis persoas asalariadas.

Empresas 'zombies'

Galiza conta con 2.500 empresas 'zombis', que representan perto de 7% do total das que hai no Estado español. A metade deste total localízase entre Madrid, Catalunya e Andalucía, con 21%, 19% e 11% do conxunto cada unha. No País Valencià concéntranse 10%, tras ela vai Galiza e algo máis de 5% sitúanse Euskadi. 

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) define as empresas 'zombis' como aquelas de máis de 10 anos de existencia e que non cobren a súa carga de xuros co seu excedente bruto de explotación durante polo menos tres anos consecutivos. É dicir, que esas sociedades, malia que continúan activas, non son quen de cubrir cos seus resultados nin sequera os seus propios gastos financeiros.

Ademais, 82% das compañías identificadas como 'zombis' son microempresas, 9,5% son pequenas compañías; perto de 5%, medianas sociedades e case 3%, grandes empresas. 

O sector da construción e das actividades inmobiliarias é o que máis empresas 'zombis' reúne, 30% do total, un 23% na rama de inmobiliarias. Séguenlle o comercio e os servizos empresariais, que representan 20% e 14,5% respectivamente.


Desde o fornecemento de enerxía até actividades financeiras e inmobiliarias

Das 4.609 empresas con actividade na Galiza e que pagan fóra os seus impostos, a gran maioría (3.862) concéntranse no sector servizos. O segundo grupo en número pertencen á industria (365), ao cal segue o sector da construción (332) e de agricultura e pesca (50). Dentro destes grupos principais hai un amplo abano de actividades e subsectores e en practicamente todos hai sociedades con actividade na Galiza e que tributan fóra.

Así, por exemplo, unha das actividades con maior presenza é a do comercio por xunto e ao retallo, con 1.298 sociedades (eran 1.246 en 2014). No sector industrial operan 365 empresas (eran 351 hai unha década) e aquí percíbese un aumento naquelas sociedades englobadas no fornecemento de enerxía eléctrica e gas —que pasaron de 41 hai unha década a 54 agora— ou as fornecedoras de auga, saneamento, xestión de residuos e descontaminación —38 en 2024 mentes que eran 30 en 2014—.

En actividades financeiras e de seguros tamén se incrementou o número de sociedades e empresas con sede fóra da Galiza, que son 10 máis (180) que hai unha década, unha tendencia que tamén se deu nas actividades inmobiliarias (137 fronte ás 98 que operaban en 2014) ou na categoría de información e comunicación (189 en 2014 e 242 en 2024). Nas empresas que se dedican á explotación forestal e á silvicultura o aumento nesta década foi máis modesto: pasaron de 10 a 12, mentres que nas de pesca e acuicultura mesmo descenderon, ao ser agora só tres cando eran 5 hai unha década.