As empresas galegas ante o coronavirus

s empresas galegas empezan a notar as consecuencias da expansión do coronavirus (COVID-19 segundo o seu nome técnico) primeiro pola China e agora tamén por Europa. A automoción e o téxtil, os dous sectores que tiran da economía da Galiza, son tamén os que máis poden perder se a propagación do virus esténdese no tempo. 
José María Fernández de Sousa, presidente de Pharmamar, na sinatura dun acordo na China (Europa Press)
photo_camera José María Fernández de Sousa, presidente de Pharmamar, na sinatura dun acordo na China (PharmaMar).

Coas primeiras mortes a causa coronavirus (COVID-19) en Europa, as empresas prenderon a luz de alarma. Algunhas xa están a pagar en bolsa a súa exposición aos mercados onde se teñen detectados casos e outras xa empezan a tomar medidas ante a proximidade do virus.

Desde o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a galega Nadia Calviño, afirma que aínda e “prematuro” estimar o posíbel impacto do coronavirus na economía, pero recoñece que pode ser unha ameaza para a mellora da actividade económica. Con todo, após un inicio de semana marcado polos números vermellos no mercado bursátil, a ministra recomenda non deixarse levar “por unha reacción puntual das bolsas”.

Na Galiza, as empresas xa se están a mover ficha ante unha posíbel expansión do virus. Unhas, ante posíbeis caídas da produción como consecuencia dun eventual parón do consumo, e outras polas oportunidades de negocio que a difusión do coronavirus pode xerar. 

A semana pasada, o secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos da Galiza (Asime), Enrique Mallón, recoñeceu que a epidemia da pneumonía chinesa estaba a afectar xa á industria galega, e que de estenderse no tempo podería ter “graves” consecuencias. Días antes, Trèves, un provedor histórico da factoría viguesa de PSA, anunciaba un ERE nas súas dependencias en Pontevedra por un problema de desabastecemento de pezas de China.

Sectores con risco

A automoción, a alimentación e o téxtil son, en palabras do director de Comercio e do ICEX na Galiza, Sergio Prieto, os sectores máis afectados en canto a exportacións. En importacións, a electrónica de consumo. “Estanse parando pedidos a expensas do que poida pasar”, recoñece.

PSA e as súas auxiliares están, pois, na lista das empresas que se poderían ver afectadas. Pero a que xa está a pagar as consecuencias é outro dos motores da economía galega: Inditex. A multinacional fundada por Amancio Ortega non explica os protocolos que está a adoitar en China coas suas tendas (ten sete na ‘zona cero’ de Wuhan) e os seus provedores. En Italia, segundo os informes remitidos á Comisión Nacional do Mercado de Valores, ten 8.600 empregadas e en Milán, un dos epicentros do virus, un dos seus maiores estabelecementos.

Inditex pagou en bolsa esta exposición. Esta segunda feira, os seus títulos caeron 6,24%, máis que o propio selectivo IBEX35, que perdeu 4,07% na súa maior baixada após o referendo do Brexit. Tamén sufriron as accións de Adolfo Domínguez, que se deixou 3,8%, e PharmaMar, que liderou as caídas dos valores galegos cun 8,4% menos de valoración na xornada. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios