Empresa galega distribúe a vacina rusa

(Europa Press)
Dispón do medicamento en exclusividade para o Estado.

A primeira vacina contra o coronavirus xa ten distribuidor para o Estado español. Segundo adianta o portal de noticias ruso, Sputniknews, “a vacina contra o Covid-19, Sputnik V, así como outras solucións que ofrece Rusia na loita contra o coronavirus, estarían dispoñíbeis no Estado español, onde se distribuirían polo grupo empresarial Iberatlantic Global Corporation, con sede na cidade galega de Vigo”.

Iberatlantic Global Corporation é unha compañía fundado en 2014, dirixida por Pedro Mouriño e especializada na provisión de servizos corporativos e integrais a empresas orientadas á internacionalización. Así, desde o propio grupo preséntanse como unha sociedade que “dá resposta ás necesidades xurdidas no contexto actual da globalización da economía, onde a apertura internacional é unha esixencia ineludíbel máis cunha opción”. Neste sentido, o grupo ten liderado diversas iniciativas empresariais en diversos Estados do antigo espazo soviético, a última das cales ten como destino Uzbekistán.

A decisión de adxudicar á empresa galega a distribución da vacina correspóndenlle á fundación Roscongress, unha entidade rusa cuxo obxectivo é a promoción de proxectos empresariais nese Estado e da que Iberatlantic Global Corporation aparece como socio rexional. A este respecto, a responsábel da empresa galega en Rusia e no resto de países da Comunidade de Estados Independentes, Irina Krivich, sinala en declaración a Radio Sputnik, que o grupo galego “conta cunhas magnificas relacións co sector empresarial e institucional ruso, exercendo de ponte para o seu ao mercado suramericano”. 

A directiva da compañía galega destaca as posibilidades no mercado estatal da vacina Sputnik V e do antiviral Avifavir. Nesta liña a executiva destaca a necesidade de “medicamentos eficaces e seguros” contra o coronavirus, porén as dúbidas sobre a pronta comercialización destes produtos son evidentes, dadas as coordenadas xeoestratéxicas  nas que se desenvolve a loita contra a pandemia.

Irina Krivich significa que “a demanda para estes produtos va a ser moi alta” e destaca que Rusia “non só dispón de fármacos eficientes para frear o coronavirus” senón tamén dunha “grande capacidade para abastecer a outros países”. A directiva de Iberatlantic Global Corporation instou ás autoridades rusas a homologar canto antes os medicamentos ás normativas comunitarias para poder comezar xa coas exportacións do produto.