As embarcacións de ría poderíanse librar da xeolocalización

A relatora do novo regulamento de control pesqueiro da Unión Europea amósase partidaria de excluír do sistema de xeolocalización as embarcacións de menos de oito metros que non saian das rías galegas.
Clara Aguilera, relatora do novo regulamento de control pesqueiro da Unión Europea (Foto: Europa Press).
photo_camera Clara Aguilera, relatora do novo regulamento de control pesqueiro da Unión Europea (Foto: Europa Press).

A eurodeputada socialista Clara Aguilera, relatora do novo regulamento de control pesqueiro da Unión Europea, avogou por excluír as embarcacións de menos de oito metros que non teñen saída das rías galegas do sistema de xeolocalización.

Así o anunciou nesta terza feira nunha rolda de prensa ofrecida con motivo da súa visita a Galiza, onde se reuniu con diferentes colectivos do sector pesqueiro para escoitar as súas propostas e aclarar dúbidas sobre a reforma deste regulamento.

Unha das cuestións que contempla esta nova normativa é a obrigatoriedade de levar un diario de abordo electrónico como medida para avanzar cara á dixitalización do sector, así como a localización obrigatoria de todas as embarcacións.

Sobre este punto, Aguilera asegurou ser coñecedora da situación das rías galegas, polo que subliñou que a súa "vontade" como relatora é que as embarcacións de menos de oito metros que están permanentemente na ría poidan ter unha "excepcionalidade nos aparellos de localización". "É como se eu non saio de Compostela e coñezo todas as rúas... Para que quero un GPS?", exemplificou a europarlamentaria, que explicou que esta excepcionalidade require dun acordo de todos os grupos políticos e do consello.

Ademais, sinalou que outras frotas europeas, como a danesa, pediron tamén esta "excepcionalidade". "É unha frota de tamaño superior e aí non o vexo tan claro, mais si o da ría galega", apuntou.

Marisqueo a pé

Sobre o marisqueo a pé na nova normativa, a europarlamentaria socialista lembrou que o que estabelece o regulamento é que as mariscadoras leven un diario de pesca, "sen especificar" o tipo de mecanismo. 

No caso das mariscadoras galegas afirmou que se o sistema actual dá "suficientes garantías" "non se tería por que facer nada" tendo en conta que estas traballadoras xa someten as súas capturas a controis por parte das e dos gardapescas.

"O que se recolle ─no regulamento europeo─ é a obrigatoriedade de levar un diario de pesca, non se di nada máis, nin se ten que ser electrónico nin de ningún tipo, ou se ese control ten que ser o que agora xa teñen", sinalou Aguilera antes de incidir en que deben "afinar mellor a definición" para que "non haxa equívoco".

Comentarios