A electricidade, o gas e o combustíbel moderan a suba da inflación en abril
Á espera de que o Instituto Nacional de Estatística (INE) publique os datos desagregados da Galiza o vindeiro 14 de maio, o Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu 0,6% a nivel estatal en abril en relación ao mes anterior e recortou unha décima porcentual a súa taxa interanual, ficando en 2,2%, o seu valor máis baixo desde o pasado mes de outubro, cando se situou en 1,8%.
O INE explicou esta terza feira que a moderación da taxa interanual do IPC a 2,2% débese ao abaratamento da electricidade, que foi maior que o rexistrado en abril de 2024, así como ao menor custo dos carburantes e lubricantes para vehículos persoais e ao descenso dos prezos do gas.
En sentido contrario, destacou a suba dos prezos de lecer e cultura por ter coincidido en abril a Semana Santa. Neste sentido, cómpre lembrar que a Semana Santa do ano pasado tivo lugar en marzo, co que os prezos do lecer e a cultura baixaron o mes posterior a ela, é dicir, en abril.
Dous meses de descensos
Así, coa moderación do IPC interanual no cuarto mes do ano, a inflación encadea dous meses de descensos na súa taxa interanual. O INE tamén incorpora no avance de datos unha estimación da inflación subxacente –sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos–, que en abril aumentou catro décimas porcentuais, a 2,4%, dúas décimas por riba do índice xeral. O subxacente, que pon fin a tres meses de descensos, non superaba o IPC xeral desde outubro.
En termos mensuais (abril sobre marzo), a inflación aumentou 0,6% a nivel estatal, cinco décimas porcentuais por riba da suba de marzo e o seu maior avance mensual desde outubro. Ademais, coa repunta experimentada en abril, o IPC xa acumula sete meses consecutivos de ascensos en termos mensuais.