A economía estatal crecerá 2,6% este ano, segundo Bruxelas
A Comisión Europea elevou até 2,6% o crecemento da economía do Estado español para 2025, tres décimas por enriba da anterior previsión de novembro (2,3%), unha expansión que se suavizará en 2026 (2%), mais eleva tamén o seu prognóstico de déficit até 2,8% desde 2,6% da anterior previsión.
Esta cifra supera en tres décimas a estimación de 2,5% comprometida polo Goberno español no seu plan de axuste multianual a pesar de que logra un descenso que Bruxelas atribúe á eliminación progresiva das axudas relacionadas coa enerxía e a retirada das medidas para dar resposta ás inundacións que tiveron lugar en Valencia (País Valencià).
Respecto diso, fontes comunitarias engadiron que o impacto que tivo a DINA foi de 0,4% sobre o déficit, mentres que o plan do Goberno para elevar en gasto en defensa -do que se contabilizaron 6.000 millóns, xa que o resto son créditos- supón 0,35%.
O prognóstico do Executivo comunitario coincide coas previsións de crecemento do Goberno, que vaticinaba tamén un 2,6%, e mantén ao Estado español como unha da grandes economía da UE con maior expansión en 2025, por detrás de Polonia, superando os datos tanto da eurozona (0,9%) como do conxunto da UE (1,1%).
Débeda, inflación e desemprego
As previsións económicas de primavera, publicadas onte, tamén anticipan que o cociente débeda/PIB siga diminuíndo gradualmente até 100,9% en 2025 e unha décima menos, 100,8%, en 2026. Tamén se vaticina un aumento da inflación este ano até 2,3%, fronte a 2,2% que auguraba Bruxelas no outono, pero prevé que esta descenda até 1,9% en 2026.
Por outra parte, o Estado español seguirá liderando o dato de desemprego, que alcanzará 10,4% en 2025, moi por enriba dos datos da eurozona (6,3%) e da UE (5,9%), aínda que tamén se mantén a previsión de que o emprego creza até 2,1% en 2025 e caia a 1,6% en 2026.
A pesar de recoñecer que "as diferenzas entre países seguen sendo grandes", a Comisión Europea apuntou tamén que estas "se están reducindo" a medida que as taxas de desemprego diminúen máis nos países con cifras máis elevadas, como é o caso que acontece no Estado español ou en Grecia.

