A economía, cara á irrelevancia industrial

[Imaxe: X. Díaz] Un polígono industrial abandonado

O obxectivo do Goberno galego, e tamén da Unión Europea, pasaba por conseguir que o peso da industria no país acadase o 20% en 2020. Hoxe xa é obvio que non vai ser así e, o que é peor, cada ano que pasa Galiza está máis afastada desa meta. A situación de Alcoa, Ferroatlántica ou Poligal agravarían aínda máis o estado da industria galega. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 341 de Sermos Galiza.

Alcoa, Ferroatlántica ou Poligal son algunhas das empresas que nos últimos meses están a marcar a actualidade industrial de Galiza e non precisamente pola súa expansión ou fortaleza. Son, en total, perto de 500 empregos os que están en perigo só nestas tres firmas e que virían sumarse aos xa 26.000 que perdeu o país desde a chegada de Núñez Feixoo ao Goberno da Xunta.

 

Os estudos da Unión Europea, concretados nun obxectivo político, veñen sinalando desde hai anos que para consolidar unha economía equilibrada o peso da industria no conxunto do Produto Interior Bruto debería acadar o 20% en 2020. Transcorrido un período de tempo razoábel, os Estados que integran o espazo comunitario non só non se aproximan á devandita meta senón que mesmo se van afastando.

 

Nesa dinámica de retroceso atópase Galiza, onde o peso da industria non chega ao 16% do PIB e que é incapaz de atraer ou xerar novas actividades industriais –as que ofrecen mellores salarios e máis valor engadido ao conxunto da economía. Hai pouca efectividade na retención dalgunhas compañías históricas que optan por se deslocalizar a outras latitudes cuns custos de produción máis baixos. Esta é, non hai que esquecelo, unha das lóxicas do capitalismo, mais tamén é certo que as medidas políticas impulsadas para a fixación empresarial ou para a potenciación de novos sectores produtivos, incluídos os estratéxicos, non deron os resultados agardados.

 

 

O caso de destrución de emprego industrial máis recente, o de Poligal –que a través dun concurso de acredores fechará a súa planta en Narón e deixará sen traballo 108 persoas– adquire un simbolismo especial. Foi unha das empresas que a comezos dos anos 90 se instalaron na Galiza ao abeiro das coñecidas como ZUR (Zona de Urxente Reindustrialización) e ZID (Zona Industrial en Declive) cunha forte inxección de cartos públicos. A empresa, dedicada á fabricación de filme de polipropileno para o sector da alimentación, foi reducindo persoal paseniñamente, mais seguiu solicitando as axudas financeiras do Plan Ferrol para ampliación e mellora das instalacións. Paralelamente, a dirección do grupo montaba fábricas en Portugal e, máis recentemente, en Polonia, animada por uns custos laborais máis baixos. Así, unha empresa que se creou na Galiza e que ten na Galiza o seu departamento de innovación tecnolóxica decide finalmente fechar a porta e marchar.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 341 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]