A economía, cara á irrelevancia industrial

O obxectivo do Goberno galego, e tamén da Unión Europea, pasaba por conseguir que o peso da industria no país acadase o 20% en 2020. Hoxe xa é obvio que non vai ser así e, o que é peor, cada ano que pasa Galiza está máis afastada desa meta. A situación de Alcoa, Ferroatlántica ou Poligal agravarían aínda máis o estado da industria galega. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 341 de Sermos Galiza.

[Imaxe: X. Díaz] Un polígono industrial abandonado
photo_camera [Imaxe: X. Díaz] Un polígono industrial abandonado

7Alcoa, Ferroatlántica ou Poligal son algunhas das empresas que nos últimos meses están a marcar a actualidade industrial de Galiza e non precisamente pola súa expansión ou fortaleza. Son, en total, perto de 500 empregos os que están en perigo só nestas tres firmas e que virían sumarse aos xa 26.000 que perdeu o país desde a chegada de Núñez Feixoo ao Goberno da Xunta.

Os estudos da Unión Europea, concretados nun obxectivo político, veñen sinalando desde hai anos que para consolidar unha economía equilibrada o peso da industria no conxunto do Produto Interior Bruto debería acadar o 20% en 2020. Transcorrido un período de tempo razoábel, os Estados que integran o espazo comunitario non só non se aproximan á devandita meta senón que mesmo se van afastando.

Nesa dinámica de retroceso atópase Galiza, onde o peso da industria non chega ao 16% do PIB e que é incapaz de atraer ou xerar novas actividades industriais –as que ofrecen mellores salarios e máis valor engadido ao conxunto da economía. Hai pouca efectividade na retención dalgunhas compañías históricas que optan por se deslocalizar a outras latitudes cuns custos de produción máis baixos. Esta é, non hai que esquecelo, unha das lóxicas do capitalismo, mais tamén é certo que as medidas políticas impulsadas para a fixación empresarial ou para a potenciación de novos sectores produtivos, incluídos os estratéxicos, non deron os resultados agardados.

O caso de destrución de emprego industrial máis recente, o de Poligal –que a través dun concurso de acredores fechará a súa planta en Narón e deixará sen traballo 108 persoas– adquire un simbolismo especial. Foi unha das empresas que a comezos dos anos 90 se instalaron na Galiza ao abeiro das coñecidas como ZUR (Zona de Urxente Reindustrialización) e ZID (Zona Industrial en Declive) cunha forte inxección de cartos públicos. A empresa, dedicada á fabricación de filme de polipropileno para o sector da alimentación, foi reducindo persoal paseniñamente, mais seguiu solicitando as axudas financeiras do Plan Ferrol para ampliación e mellora das instalacións. Paralelamente, a dirección do grupo montaba fábricas en Portugal e, máis recentemente, en Polonia, animada por uns custos laborais máis baixos. Así, unha empresa que se creou na Galiza e que ten na Galiza o seu departamento de innovación tecnolóxica decide finalmente fechar a porta e marchar.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 341 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios