Dúas semanas de folga do lixo en Vilalba contra a precarización salarial

O cadro de persoal da concesionaria da recollida de lixo en Vilalba leva 14 días de paro para facer fronte á intención da empresa de rebaixarlle os salarios nun 18%. A firma, Urbaser, non contactou aínda cos representantes do plantel, que anuncian novas mobilizacións

lixo
photo_camera lixo

A concesionaria da recollida de lixo en Vilalba quere rebaixar o salario nun 18% aos seus 14 traballadores. Unha tesoirada que se traduce en por volta de 200 euros menos ao mes por cada un deles. O cadro de persoal rexeitou esta medida.

Após dúas semanas de folga no servizo de recollida de lixo acumúlanse en Vilalba unhas 220 toneladas de desperdicios, segundo informou o responsable da Federación de Servizos da UXT en Lugo, Manuel Lorenzo.

Lorenzo sinala que ninguén da patronal se puxo en contacto aínda cos representantes dos traballadores para tratar de buscar unha solución negociada a este conflito laboral.

Esa actitude por parte da econcesionaria fai pensar ao cadro de persoal que "en realidade non ten ningún interese pola negociación ou por buscar un acordo", e mesmo sospeitan que pode utilizar a folga “para sacarlle algo ao Concello" ou incluso para "presionar" o goberno local para conseguir algunha mellora na concesión.

Desde os traballadores propuxéronlle ao Concello que rescindise o contrato con Urbaser e sacase de novo a concesión a concurso, coa condición de que a nova adxudicataria asumise o actual persoal e respectase "os seus dereitos".

Os traballadores anuncian que se antes do sábado, 6 de abril, non hai acordo, concentraranse na Praza da Constitución de Vilalba, coincidindo co pregón da Feira do Queixo San Simón.

Comentarios