A dirección de Ence presume de relacións coa Xunta de cara a seguir en Pontevedra alén 2018

O presidente da pasteira cualifica de “magníficas” as relacións co goberno galego no día que aseguran que pode chegarse a un “entendemento” para que a factoría siga en Pontevedra.

Ence-Elnosa
photo_camera Ence-Elnosa

Ence quere seguir na Ría de Pontevedra. E parece que non ten a máis mínima dúbida de que ese desexo será realidade, despois de que a reformada Lei de Costas aprobada no Congreso abrise unha fiestra á pasteira para continuar na actual ubicación, cuxa caducidade estaba fixada para 2018.

Juan Luís Arregui, presidente de Ence, incidiu esta semana en que esa factoría está a traballar na petición de prórroga para continuar en Pontevedra máis alá de 2018. Tamén sinalou que, neste sentido, as súas relacións coa Xunta (que ten que facer un informe sobre a permanencia de Ence) eran “magníficas” e que era posíbel “un entendemento”.

Posicionamento

O alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, rexeitou en numerosas ocasóns, e de xeito rotundo, que se produza calquera "tipo de negociación" da Xunta con ENCE que poida permitir que a pasteira continúe despois de 2018 na ría de Pontevedra. O rexedor insiste en que a Ría “debe ter outros usos” e que iso é o que quere a cidadanía.

O rexedor pontevedrés recordou, nunha entrevista na Cadea Ser, que ENCE, cando "comprou" a fábrica, xa sabía que "tiña a data de caducidade" fixada para 2018. Así, Fernández Lores lamentou que co gallo da crise económica se "poidan pechar todas as empresas" e se poidan eliminar "todos os postos de traballo agás ENCE", ou se "poden espoliar todos os aforros e non pasa nada, pero ENCE hai que defendelo por riba de todo". E esa pasteira, lembrou, dá uns beneficios que “repercuten nos accionistas e pouco na cidade”.

Comentarios