xoves 01/10/20

Denuncian a expulsión de labregas da Praza de Abastos de Compostela

Fruga e Sindicato Labrego exixen ao Concello que modifique a norma que lles impide vender os seus produtos.
Comerciante na Praza de Abastos (Arxina)
Comerciante na Praza de Abastos (Arxina)

A aplicación dunha nova normativa do Concello de Compostela para evitar a transmisión da Covid-19 foi o motivo esgrimido pola xerencia da Praza de Abastos para impedir o pasado sábado, 5 de setembro, que as labregas que venden as súas producións no entorno do mercado puidesen instalarse para desenvolver a súa actividade comercial.

Así o denuncian o Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (Fruga) que rexeitan este proceder á vista de que non existe ningún estudo que avale a suposición de que os postos de venda directa contribúan en maior medida á expansión do virus que outras formas de comercio, como os postos fixos ou supermercados que si continúan abertos.

Neste senso, dende o SLG e Frugas lembran que a venda ao aire libre é máis segura no actual contexto de pandemia que a realizada en ambientes fechados. Ademais, apuntan que existe un protocolo sanitario creado pola Consellaría de Medio Rural para esta modalidade de comercialización que se aprobou para poder desenvolvela en pleno estado de alarma con totais garantías sanitarias.

Outro dos aspectos que destacan desde estas entidades para criticar a medida é o feito de que nos atopamos nunha das épocas de maior produción en sectores como o da horta e o da froita, que son os que fornecen moitos destes postos de venda e que son especialmente perecedoiros, polo que se non se dan vendido nun curto período  de tempo acabaranse perdendo, o que fai aínda máis negativa esta prohibición. 

Ante esta situación, o SLG e a Fruga instan á xerencia da Praza de Abastos de Compostela e ao Concello a desenvolver os protocolos necesarios para que os labregos e labregas que venden directamente as súas producións nesta área comercial poidan volver facelo con totais garantías e sen excluír ninguén canto antes.

Para iso, anuncian que van solicitar unha entrevista cos responsábeis municipais de cara a buscar solucións que garantan os dereitos dos labregos e labregas que venden na Praza de Abastos sen menoscabo da seguridade sanitaria do entorno. A maiores, convocarán unha asemblea aberta na Praza de Abastos para a vindeira quinta feira, 17 de setembro, para informar ás afectadas e tratar de buscar solucións entre todas.

comentarios