A débeda pública de Galiza é de 11.300 millóns, superior en 20% a todo o orzamento da Xunta para 2018

Representa xa case 20% do PIB. Cando en 2009 Feijoo chegou ao goberno da Xunta, estaba por volta de 8,6%.

salario soldo cartos diñeiro

A débeda pública de Galiza é de 11.363 millóns de euros, unha cifra que é case 2.000 millóns de euros superior a todo o orzamento da Xunta de Galiza para 2018. Eses orzamentos atinxen os 10.723,9 millóns de euros, 2,4% menos que no ano 2017, como se indica na análise de Orzamentos elaborado polo gabinete técnico da CIG. Unha parte importante destes van destinados a operacións financeiras (a máis importante, o pagamento da débeda pública), cantidades que non teñen unha repercusión directa na economía, polo que. se restamos as devanditas cantidades, os gastos non financeiros son 9.487,1 millóns. E aquí si que hai un medre (2,9%) a respecto dos orzamentos 2017. Se á amortización de débeda se suman os gastos financeiros derivados desta, entrambos os capítulos alcanzan case o 12% do total do orzamento, porcentaxe importante mais inferior á de anos anteriores.

Agora ben, a débeda pública viva de Galiza supera os 11.300 millóns de euros, por volta de 20% do PIB. Cando en 2009 Feijoo chegou ao goberno da Xunta, esta estaba en torno ao 8,6% do produto interior bruto. Cando Núñez Feijóo chegou á Xunta esta débeda era de menos de 5 mil millóns de euros, 4.859. Nestes anos, pois, disparouse en máis de 6.000 millóns de euros e o seu peso a respecto do PIB aumentou en once puntos.

Dos 11.300 millóns de euros da débeda de Galiza, a maior parte é a débeda co Estado (case 4.200 millóns de euros). A débeda cos bancos é perto de 3.500 millóns, das cales 2.270 é con bancos españois e o resto con entidades estranxeiras. A débeda en bonos abeira os 3.000 millóns de euros.