Así ficarán as pensións en 2025: as contributivas e de clases pasivas subirán un 2,8%

A revalorización suporá uns 600 euros adicionais ao ano (ao redor de 42,8 euros ao mes) para unha pensión media de xubilación.
Un ancián camiña por unha aldea dos Ancares. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Un ancián camiña por unha aldea dos Ancares. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

As pensións contributivas subirán en 2025 un 2,8% coa fórmula de revalorización recollida na Lei de reforma das pensións na que se ten en conta, como referencia para determinar a suba destas prestacións, o IPC interanual media de doce meses (de decembro do ano anterior a novembro do exercicio en vigor).

O Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmou esta sexta feira que o IPC interanual de novembro situouse en 2,4%, co que é posíbel determinar canto se revalorizarán as pensións contributivas en 2025 facendo a media dos doce meses anteriores. O cálculo obtido é de 2,8%, co que as pensións contributivas e as de clases pasivas do Estado subirán o próximo ano esta porcentaxe. En 2024, as pensións contributivas revalorizáronse un 3,8% porque a inflación media foi maior, mentres que en 2023 fixérono nun 8,5%.

600 euros adicionais

Esta revalorización do 2,8% suporá, aproximadamente, 600 euros adicionais ao ano para as persoas cunha pensión media de xubilación, mentres que as pensións medias do sistema aumentarán ao redor de 500 euros anuais en 2025, informou o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Este incremento beneficiará perto de 9,3 millóns de persoas que reciben 10,3 millóns de pensións contributivas, ademais das 720.148 pensións correspondentes ao Réxime de Clases Pasivas do Estado, que tamén se revalorizarán un 2,8%, segundo datos do Ministerio. Coa suba de 2,8%, un pensionista que perciba unha pensión de 1.441 ao mes (coincidente coa pensión media de 2024 de xubilación) pasará a recibir en 2025 unha pensión de 1.481,35 euros mensuais, o que supón un incremento anual de 564,87 euros ou de 40,3 euros por mes en catorce pagas.

Desde a entrada en vigor da Lei 20/2021, froito do acordo entre o Goberno e os axentes sociais, as pensións actualízanse cada ano conforme á suba dos prezos para garantir o seu poder adquisitivo, en liña coas recomendacións do Pacto de Toledo.

A ministra de Seguridade Social, Elma Saiz, destacou que esta medida "é unha garantía de tranquilidade para os 10 millóns de pensionistas, cidadás e cidadáns que traballaron e cotizado durante décadas". "O mantemento do poder adquisitivo é un dereito dos pensionistas e, grazas a el, coa publicación do dato definitivo do IPC de novembro xa sabemos a porcentaxe do aumento das pensións contributivas para o ano próximo", subliñou a ministra, que engadiu que o Goberno seguirá traballando para reforzar o sistema de protección social.

Pensión máxima

En virtude da reforma de pensións que levou a cabo José Luis Escrivá cando era ministro de Seguridade Social, en 2024 entrou en vigor a revalorización anual das bases máximas e do complemento da fenda de xénero en función do IPC. No caso das bases máximas, ao IPC súmase un contía fixa de 1,2 puntos cada ano do período 2024-2050. Isto supón que, para 2025, a base máxima de cotización subirá un 4%  2,8% do IPC media máis un 1,2% adicional), o que a situaría en 4.909 euros mensuais.

Á vez que aumenta a base máxima de cotización, a pensión máxima incrementarase en 2025 co IPC máis un 0,115% adicional, segundo determinou a reforma de pensións. Deste xeito, coa revalorización de 2,8% do IPC máis esa porcentaxe adicional, a pensión máxima situarase en 2025 en 3.267,5 euros mensuais por catorce pagas, fronte aos 3.075,04 euros deste ano.

En virtude da reforma de pensións, o destope da pensión máxima inicial comezará a aplicarse en 2025 e consistirá en revalorizar a pensión máxima co IPC máis un incremento adicional de 0,115 puntos porcentuais cada ano ata 2050, o que suporá un incremento aproximado de 3% nese período.

Así mesmo, a reforma de pensións determina que o complemento da fenda de xénero (33,2 euros no exercicio actual) subirá un 10% adicional ao IPC no bienio 2024-2025, que se distribuirá entre ambos os exercicios a 5%. Deste xeito, para 2025, o complemento da fenda de xénero subirá arredor dun 7,8% (o IPC medio máis un 5% adicional), o que o situará en 35,6 euros.

Pensións mínimas e non contributivas

Para mellorar a equidade e suficiencia das pensións, a reforma que aprobou o Goberno con Escrivá como ministro contempla melloras nas pensións non contributivas para igualarse ao limiar mínimo de pobreza. Este ano, a suba que experimentaron foi de 6,9%, por riba da alza do 3,8% das pensións contributivas, e en 2025 subirán máis que o IPC medio de 2,8%.

Así, en virtude de dita reforma, unha vez revalorizadas de acordo co IPC, as pensións non contributivas incrementaranse adicionalmente para reducir nun 20% a fenda existente até alcanzar 0,75 do limiar de risco de pobreza calculado a partir da Enquisa de Condicións de Vida do Instituto Nacional de Estatística (INE) para un fogar unipersoal.

O Ingreso Mínimo Vital (IMV) incrementarase en 2025 de igual maneira ao estar a súa contía referenciada á das pensións non contributivas. Así mesmo, a contía mínima da pensión de xubilación contributiva para un titular maior de 65 anos con cónxuxe a cargo, unha vez revalorizada en función do IPC, subirá adicionalmente para reducir nun 20% a fenda existente até alcanzar o 1,5 do limiar de risco de pobreza.

O obxectivo é que a pensión mínima de xubilación contributiva con cónxuxe a cargo alcance polo menos en 2027 os 16.500 euros anuais (1.178,5 euros ao mes por catorce pagas). A contía mínima da pensión de viuvez con cargas familiares, as de pensións contributivas con cónxuxe a cargo, excepto a de incapacidade permanente total de menores de 60 anos, serán iguais á contía da pensión mínima de xubilación contributiva para un titular maior de 65 anos con cónxuxe a cargo.

O resto das contías mínimas das pensións contributivas, unha vez revalorizadas, incrementaranse adicionalmente nunha porcentaxe equivalente a 50% das porcentaxes resultantes do incremento adicional da contía mínima da pensión de xubilación contributiva para un titular maior de 65 anos con cónxuxe a cargo referenciado ao limiar de risco de pobreza indicado.

As pensións non contributivas, pola súa banda, crecerán tamén por encima da revalorización media das pensións, até converxer en 2027 con 75% do limiar da pobreza calculado para un fogar unipersoal.

Comentarios