'Kirk' danou miles de hectáreas na Galiza e até 80% da forraxe non ten seguro
O paso do temporal Kirk pola Galiza ocasionou danos nun total de 3.783 hectáreas con seguro, o que supoñen máis de 4.600 parcelas. A maioría dos sinistros na produción agrícola correspóndese con cultivos forraxeiros, cun global de 3.659 hectáreas. O resto das hectáreas, pouco máis de 100, son explotacións de pataca e, só de maneira moi puntual, mazá ou viñedo.
Agroseguro comezou esta semana unha avaliación de danos na que participan técnicos procedentes de toda Galiza, así como desprazados desde León e Valladolid, "para así poder atender o gran volume de sinistro rexistrado coa máxima celeridade posíbel" e poder concretar o impacto dos danos.
En total, e para a actual campaña, a superficie asegurada de forraxeiros no conxunto do país sitúase en 14.200 hectáreas. Por tanto, recibíronse sinistros en até 25% da superficie asegurada.
"Estes datos, sen ter en conta que unha parte da produción podería estar xa recollida, e esa porcentaxe de danos podería ser superior. Aínda así, pódese ter en conta o forte impacto que tivo un único evento, en apenas 24 ou 48 horas", explican fontes de Agroseguro citadas pola axencia Europa Press. Os riscos de vento, choiva persistente e inundacións están contemplados dentro do Sistema Estatal de Seguros Agrarios.
Perto de 80% da forraxe, sen seguro
Nestes datos hai que ter en conta que na Galiza hai unhas 75.000 hectáreas de forraxe. A Asociación Galega de Cooperativas Agrolimentarias (Agaca) estima que "só 20%" do millo forraxeiro está asegurasdo, polo que considera necesario "mellorar as condicións das pólizas", así como doutras liñas, para estender as coberturas aos agricultores e gandeiros galegos ante diferentes eventualidades que poidan sufrir.
Unha cuestión que a Xunta da Galiza asegurou que trasladará tamén ante a Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), dependente do Ministerio de Agricultura, segundo informou recentemente a conselleira do Medio Rural, María José Gómez.
Pola súa parte, Unións Agrarias (UUAA) cifra en 65 millóns de euros o impacto de Kirk no campo galego, polo que reclama axudas directas a gandeiros e gandeiras para faceren fronte á compra a prezo alcanzable da forraxe que perderon para as súas reses. Calcula que se danou perto de 60% do millo forraxeiro.
Igualmente, organizacións agrarias como o Sindicato Labrego Galego (SLG) instaron a Xunta a tomar cartas no asunto para traballar co sector en medidas que corrixan as "enorme perdas económicas". Nesta liña, a Asociación Agraria da Galiza (Asaga) demanda axudas para os campos de millo arrasados, posto que "a repercusión nos custos de produción das explotacións agrarias e gandeiras vai ser tremendo".
O millo forraxeiro é o principal alimento das vacas, polo que os gandeiros e gandeiras alertan duns aumentos de custos que se suman a unha caída de 30% dos prezos, no último ano, do leite no país, que segue á cola do Estado con 44,8 céntimos por litro de leite.