Cuerpo móstrase optimista sobre o acordo comercial cos EUA mentres a China advirte de medidas se repunta a guerra arancelaria
O ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, mostrouse esta terza feira "optimista" para a consecución dun acordo comercial entre a Unión Europea (UE) e o Goberno dos Estados Unidos de América despois dos "progresos" das últimas semanas.
Nunha entrevista para a cadea estadounidense CNBC, Cuerpo sinalou que se produciron avances nas negociacións arancelarias co representante comercial dos EUA, Jameson Greer, e o comisario europeo de Comercio, Maros Sefcovic. "Así que creo que estamos a chegar (a un posíbel acordo). Non é unha negociación fácil, como todos sabemos, e creo que é un bo signo de que estamos a facer progresos", dixo.
"Sempre é difícil enfocar os detalles e incluír todas as dimensións relevantes, incluíndo, por suposto, as negociacións sobre sectores específicos, como o automóbil e o aluminio", declarou Cuerpo. Preguntado por se a UE fará concesións no imposto que grava ás compañías tecnolóxicas estadounidenses, como fixo o Canadá, co fin de conseguir un acordo con Donald Trump, o ministro limitouse a sinalar que o acordo debe ser beneficioso para ambas as partes.
"A relación entre a Unión Europea e os Estados Unidos é a máis importante do mundo en termos comerciais e económicos. A diario cruzan o Atlántico bens e servizos por valor de 4.600 millóns de euros. Isto é un tesouro que debemos protexer e, por tanto, necesitamos un acordo beneficioso para todos", indicou.
Cuerpo subliñou que esa é a intención ao lado europeo, a de ser construtivo para tratar de alcanzar un acordo cos Estados Unidos de América, mais tamén deixou claro que a UE protexerá nesta negociación os intereses das súas industrias e das persoas usuarias do territorio comunitario.
Parabéns a Donohoe
O ministro tamén aproveitou esta entrevista para dar os parabéns ao ministro de Finanzas irlandés, Paschal Donohoe, pola súa reelección como presidente do Eurogrupo para un terceiro mandato, despois de que tanto o propio Cuerpo como o aspirante lituano, o socialista Rimantas Sadzius, retirasen as súas candidaturas ao cargo.
Este será o terceiro mandato do conservador irlandés como presidente do Eurogrupo. Donohoe xa derrotou á actual presidenta do Banco Europeo de Investimentos (BEI), Nadia Calviño, a pesar de que estaba considerada como a favorita para suceder ao portugués Mário Centeno.
Cuerpo sinalou esta terza feira na CNBC que o Estado español axudará de maneira construtiva a Donohoe para o seu terceiro mandato á fronte do Eurogrupo. "Contribuirei ás discusións para que a Eurogrupo estea a salvo dos desafíos nestes tempos moi difíciles", apuntou o ministro español.
Advertencias da China aos EUA
A China expresou esta terza feira a súa preocupación pola posíbel reaparición de tensións comerciais a medida que se aproxima o final do prazo fixado polos Estados Unidos para alcanzar acordos comerciais cos estados afectados polos chamados 'aranceis recíprocos' e advertiu de que se oporá "con firmeza" a calquera pacto que prexudique os seus intereses.
"A China oponse con firmeza a que calquera parte chegue a un acordo que prexudique os seus intereses a cambio de supostas reducións arancelarias", recolle un editorial publicado esta terza feira no Diario do Pobo, o xornal oficial do Partido Comunista da China. "Se isto ocorre, a China xamais o aceptará e oporase firmemente para salvagardar os seus lexítimos dereitos e intereses", advirte.
Neste sentido, a publicación afirma que o abuso de aranceis por parte dos Estados Unidos é unha práctica típica de intimidación unilateral, que tivo un grave impacto na orde comercial internacional e debe ser firmemente rexeitada. "O Banco Mundial e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) reduciron recentemente as súas expectativas de crecemento económico estadounidense e mundial", lembra, engadindo que o custo final das medidas proteccionistas pagarano as usuarias.
En oposición á postura de Washington, o diario destaca a defensa da China de que as partes resolvan as súas diferenzas económicas e comerciais cos Estados Unidos mediante consultas equitativas e o mantemento do sistema multilateral de comercio, coa Organización Mundial do Comercio (OMC) como eixo central. "A China sempre salientou que as negociacións bilaterais son unha canle importante para aliviar e resolver as friccións comerciais, mais que os acordos bilaterais non poden prexudicar os intereses de terceiros", conclúe.


