A crise do sector do mar, en cifras: o peixe e o marisco vendidos nas lonxas da Galiza alcanzaron en 2024 o mínimo histórico

As vendas das lonxas galegas ficaron nas 102.500 toneladas en 2024, o que supón o mínimo histórico de produto comercializado da serie histórica de Pesca da Galiza, que comeza en 1997. En todo o período desta estatística nunca se venderan menos de 124.000 toneladas. A facturación das poxas de peixe e marisco rexistrou a cifra máis baixa en dúas décadas a pesar de que os prezos marcaron máximos.
Poxa na lonxa de Burela, na Mariña, o pasado decembro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Poxa na lonxa de Burela, na Mariña, o pasado decembro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

As vendas das lonxas galegas en 2024 foron de 102.479.565,68 quilogramos, unha cifra que supón a menor cifra de produto –incluíndo o produto fresco tanto procedente da actividade pesqueira como do marisqueo– posta no mercado na serie histórica da estatística dispoñíbel no portal de Pesca da Galiza, que comeza no ano 1997.

Con respecto ao exercicio anterior, o de 2023, o descenso da cantidade de produto vendida no ano 2024 nas lonxas galegas, pasando de case 126.000 toneladas a unhas 102.500, foi de 18,5%. Ademais, nunca na serie histórica de Pesca da Galiza se venderan menos de 124.000 toneladas, polo que este no mínimo histórico supón unha rebaixa de máis de máis de 20.000 toneladas con respecto ao anterior, o cal databa de 2003, cando houbo diferentes graos de restricións pesqueiras por causa do desastre ecolóxico do Prestige até o 8 de outubro daquel ano.

Fonte: Pesca da Galiza / Gráfico: Nós Diario
Fonte: Pesca da Galiza / Gráfico: Nós Diario

Excluíndo 2003, un exercicio marcado pola catástrofe que supuxo o afundimento do petroleiro, o próximo mínimo de cantidade de produto vendido nas lonxas galegas desta serie histórica foi o de 2023, polo que o descenso de 18,5% en 2024 rexistrouse con respecto a un exercicio con cifras negativas. 

Neste sentido, entre os anos 1997 e 2024, vendéronse nas lonxas unha media de 162.000 toneladas anuais, polo que o descenso do produto comerciado o pasado ano polo sector do mar con respecto a esta cantidade alcanzou case 50.000 toneladas (-36,8%). Ademais, con respecto á máxima cifra de produto vendida nas lonxas galegas, que se rexistrou en 2017 con case 213.000 toneladas, o descenso no último ano alcanzou máis de 110.000 toneladas (-51,8%), unha diferenza maior á propia cantidade comerciada en 2024. 

Datos de facturación

No que atinxe á facturación das lonxas galegas, esta foi de 382.863.986,01 euros no ano 2024, o que implica que o sector do mar experimentou o pasado exercicio a súa peor cifra de negocio en máis de dúas décadas e que baixou dos 400 millóns de euros de vendas totais por primeira vez nos últimos 20 anos. 

A cifra de negocio no ano 2024 ficou por baixo de 383 millóns de euros, mínimo en 21 anos

Este mínimo de facturación  no conxunto das lonxas da Galiza rexistrouse a pesar de que o prezo medio por quilogramo de produto chegou o pasado ano a 3,74 euros, o máis alto na serie histórica de Pesca da Galiza, cunha media de 2,58 euros entre os exercicios de 1997 e 2024.

Desta maneira, o descenso do volume de negocio das lonxas galegas en 2024 foi de 29,5 millóns de euros con respecto ao ano anterior, cunhas vendas 7,2% inferiores ás de 2023. Ademais, entre os anos 1997 e 2024, a facturación media anual alcanzou case 419 millóns de euros, polo que a caída do pasado ano con respecto a esta cantidade foi de case 36 millóns (-8,6%). 

A mingua é maior ao termos en conta as últimas dúas décadas, nas que a facturación media anual foi de case 444 millóns de euros, o que supón que o descenso de 2024 con respecto a esta cantidade alcanzou os 61,5 millóns (-13,8%). Con respecto á facturación máxima da serie histórica, que se rexistrou en 2017 con máis de 508,5 millóns de euros, a mingua de 2024 foi de case 126 millóns (-24,7%).

As causas do descenso

"O produto que é poxado nas lonxas galegas está caendo", certifica Gonzalo Rodríguez, experto en economía pesqueira, a Nós Diario. "No que atinxe ás descargas de peixe, a causa fundamental é a limitación que estabelecen as cotas impostas pola Unión Europea (UE), polo que, no contexto actual, é difícil que as vendas poidan subir por esa vía", continúa o economista. "Trátase dunha produción capada por cuestións regulamentarias, polo que ten ese teito", segundo agrega. Con todo, segundo salienta Rodríguez, "isto atinxe á pesca da Galiza desde as costas galegas, xa que hai empresas, tamén de capital galego, que operan desde outras partes". 

Gonzalo Rodríguez, economista: "O descenso da produción afecta o conxunto dunha cadea de valor, minguando a competitividade do sector"

"Ao mesmo tempo danse outras circunstancias que teñen que co cambio climático e co estrés dos sistemas ecolóxicos, causas que provocan que nos últimos anos a produción de marisco fose particularmente baixa", acrecenta. "Máis alá do cambio climático, que probabelmente sexa un factor mais non o único, este estrés sobre a contorna fai que acaben aparecendo detonantes de distintas patoloxías, nalgúns casos simplemente unha maior debilidade das especies, que fan que proliferen virus, bacterias ou outras circunstancias", sinala.

"Isto non só afecta o sector, senón o conxunto dunha cadea de valor, como é o caso das empresas depuradoras no caso da falta de marisco. Non só pola mingua da actividade económica senón porque se ven desprazadas", afirma. "Se por exemplo non hai berberecho na Galiza, os produtores vano buscar ao Canadá, a Bulgaria ou a Dinamarca, e de feito xa o están a facer", alerta o economista. "Isto debilita os elos da cadea de valor e isto ten un efecto rebote sobre a competitividade da Galiza no sector", incide o economista. 

Rodríguez alerta das consecuencias das patoloxías sobre o marisco

O marisqueo do Burgo volve protestar pola falta de axudas

Profesionais do sector marisqueiro da ría do Burgo, na comarca da Coruña, secundaron esta segunda feira unha nova protesta, nesta ocasión ante a delegación da Consellaría do Mar na cidade herculina, para exixir axudas ao Goberno estatal e á Xunta da Galiza até que non poidan volver traballar polas obras de dragaxe na ría.

O portavoz do colectivo, Manuel Baldomir, demandou de ambas as administracións "unha solución" ante a falta de ingresos. "Estannos asfixiando economicamente e psicoloxicamente, hai xente que vive de prestado", afirmou, ao denunciar que non se concreta o pagamento de axudas e atrasos de entre sete e dez meses nos casos en que recibiron os abonos unha vez aprobadas as partidas.

70 familias afectadas 

"Empezamos 2025 e non se nos deu unha solución", asegurou Baldomir para manifestar que tanto o Goberno español como a Xunta "recoñecen que hai que dala, mais non a hai". Neste contexto, solicitou aos dous executivos "que deixen de xogar" e de "buscar culpábeis". "Aquí hai un problema real, non se pode mariscar, hai que facer unha avaliación dos bancos marisqueiros e iso xa se sabía", sentenciou, antes de precisar que son ao redor dunhas 70 as familias as afectadas pola situación.

Comentarios