56% dos fogares chega con dificultade ou moita dificultade a fin de mes

A porcentaxe de fogares galegos que chega con moita dificultade a fin de mes pasou do 7,15% no segundo trimestre de 2020 ao 9,04% no segundo trimestre de 2021, segundo a enquisa conxuntural a fogares que publica esta sexta feira o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Varias persoas, en Ribadeo (Imaxe: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Varias persoas en Ribadeo (Imaxe: Carlos Castro / Europa Press)

No segundo trimestre deste ano, o 44,14% dos fogares galegos chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, o 46,81% con dificultade e o 9,04% restante con moita dificultade.

Con respecto ao trimestre anterior, prodúcese un aumento de 1,21 puntos na porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes.

Trátase dunha diminución de 0,25 puntos no caso de quen chegan con moita dificultade e dunha diminución de 0,97 puntos na porcentaxe de fogares que chega con dificultade a fin de mes.

Mentres, en comparación co segundo trimestre do ano 2020, a porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes diminúe 1,82 puntos porcentuais e a de fogares que chega con dificultade a fin de mes tamén diminúe 0,08 puntos, pero crece en 1,89 puntos o dos que chegan con moita dificultade.

De aforros a compras

Así as cousas, o 36,03% dos fogares galegos pensou aforrar algo de diñeiro no próximos tres meses e o 29,21% facer algún extra en produtos de alimentación.

Ademais, segundo a enquisa, o 39,21% pensou en saír cear, a cafetarías, ir ao cinema ou ao teatro e o 8,95% en facer fronte a imprevistos ou grandes compras.

Comentarios