Liberty House, a multinacional británica interesada en adquirir as plantas de Alcoa en San Cibrao

Alcoa só está interesada en vender unha.

Instalacións de Alcoa en San Cibrao (Cervo).
photo_camera Instalacións de Alcoa en San Cibrao (Cervo).

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informou que a multinacional lle comunicou no transcurso da  xuntanza que se está a realizar  no marco do período de consultas do ERE, que o comprador interesado en facerse coas plantas é a multinacional  Liberty House  Group.

Liberty House Group é unha multinacional do metal situada en Reino Unido que xa mostrou en 2019 o seu interese en facerse coas plantas de Alcoa da Coruña e Avilés --que adquiriu Parter--.

En 2019, Liberty House fíxose con varias plantas siderúrxicas de ArcelorMittal. Unha operación que recibiu o visto e prace de Bruxelas ao non expor problemas de competencia no mercado único, dado que só observou solapamentos "limitados" entre as actividades.

Segundo informa o comité de empresa, Alcoa aclarou que ese posíbel comprador estaría interesado na adquisición das dúas plantas que forman o complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, tanto a de  alúmina como a de aluminio primario.

Porén, Alcoa tamén lle comunicou á representación dos traballadores que só está interesada en vender coas cubas paradas, algo ao que se opón o comité de empresa, porque sostén que iso significaría “matar o corazón da fábrica”.

Ademais, a multinacional tamén informou ao comité que, neste momento, só estaría interesada en vender a planta de aluminio.

Comentarios