Oligopolio

A concentración bancaria en Galiza supera os límites previstos na UE

Así o testemuñan informes da Xunta, afirman desde a Federación da Banca da CIG, que critica que embora esa realidade o goberno non queira actuar.

banco popular
photo_camera Banco Pastor, engulido polo Santander.

Entre 2008 e 2016 Galiza rexistrou un importante aumento da concentración bancaria. O proceso de recentralización e concentración bancaria deixou pegada especial no noso país, onde o pastel do negocio bancario se reparte entre apenas cinco entidades. Un nivel de concentración que é raro atopar en Europa e do que mesmo advirten informes da Xunta, segundo a Federación da banca do sindicato CIG.

Apenas cinco entidades suman case 90% do negocio bancario en Galiza: Abanca, Santander, BBVA, Caixabank e  Sabadell. O proceso de concentración e centralización bancaria devorou as entidades galegas (as caixas de aforros, Banco Pastor, o Banco Gallego…).

A Federación da Banca da CIG afirma que “Galiza ten unha concentración bancaria que supera os límites previstos na UE, segundo informes encargados pola propia Xunta”. Embora ese dato, sostén a central, o goberno galego considera que non é necesario un novo informe nin tomar medidas.

Para esta Federación, a concentración a ese nivel tan alto ten un impacto social e económico que non se pode obviar: é un proceso de acumulación do poder económico con ramificacións no poder político, xudicial e nos medios de comunicación; redúcese o servizo bancario, tanto polo novo modelo de banca, como polo peche de oficinas; diminúe o número de competidores; afecta ao emprego; e os beneficios xerados aquí marchan fóra do país.

Galiza lidera o ranking de maior concentración bancaria. “Non digo que iso poida ser prexudicial para a competencia mais si que debería analizarse con rigor o impacto e non se deu nin un dato”, explicaba Joaquín Maudos, catedrático de Análise Económica, responsábel dun estudo do Foro Económico de Galiza sobre a reestruturación financeira e o seu impacto.

Comentarios