O Concello de Santiago ratifica ante o IGVS a "solvencia" da solicitude para declarar a cidade zona de mercado residencial tensionado
Ademais, o Executivo local deu licenza para a creación de 29 vivendas, 58 garaxes e 29 rochos de protección na zona de Tras Paxonal, na Rúa de Agustín Sixto Seco.
O edil de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, deu a coñecer esta segunda feira a resposta que o Concello remitiu ao Instituto Galego de Vivenda e do Solo (IGVS) en relación ao requirimento de emenda da solicitude para declarar a cidade zona de mercado residencial tensionado enviada o 8 de xullo.
O Goberno presidido por Goretti Sanmartín aprobou o 26 de maio a solicitude tras completar os trámites que a Xunta da Galiza estabeleceu, entre eles, un plan con medidas correctoras.
Coa remisión da resposta e documentación, o Concello solicita ao IGVS que dea por respondido o seu requirimento de emenda e continúe co procedemento iniciado para a declaración do municipio como zona de mercado residencial tensionado e, impulse a súa resolución.
Esta resposta, afirmou o concelleiro, ratifica "punto por punto a solvencia do traballo realizado pola Universidade da Coruña e polo Concello de Santiago" e "a claridade coa que o Concello cumpre os requisitos legais para ser declarado zona de mercado residencial tensionado".
29 licenzas máis de vivendas de protección
Ademais, o Executivo local deu licenza para a creación de 29 vivendas, 58 garaxes e 29 rochos de protección na zona de Tras Paxonal, na Rúa de Agustín Sixto Seco. Segundo trasladou Lestegás, con estas 29, son 188 vivendas protexidas ás que o Goberno deu licenza no mandato.