CIG presenta alegacións ao estatuto electrointensivo

Aposta en sentar as bases dunha tarifa industrial estábel e predicíbel.

electrointensiva

A CIG vai presentar as alegacións ao proxecto de estatuto do consumidor electrointensivo na liña da proposta da tarifa industrial que ten elaborada dende outubro de 2018, segundo informa a central a través dun comunicado.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera que o proxecto de Real Decreto presentado polo Goberno español continúa sen establecer a estrutura para “unha tarifa que axude a reverter a crise permanente na que viven este tipo de industrias con grandes consumos eléctricos  a causa dos elevados custes da enerxía”.

Advirte que a redución na tarifa prevista proxecto de RD está vinculada en 57% con medidas que non están dentro do propio estatuto ou, no caso de contemplárense no texto da norma, teñen un carácter compensatorio e dependen do que se aprobe nos Orzamentos Xerais do Estado.

Fronte a isto, a CIG reclama que se estableza a progresividade nas axudas, correspondendo a máxima axuda por MW á tarifa 6.4; así como liberar a tarifa das peaxes que non teñan unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico como as primas ás renovábeis, os pagos por capacidade, a segunda parte do ciclo do combustíbel nuclear ou o déficit tarifario, e que este custe sexa asumido polos Orzamentos Xerais do Estado para que non repercuta na factura que pagamos o resto de consumidores/as.

Ademais, proponse que, no caso dos territorios que exportan electricidade (como Galiza), as industrias electrointensivas instaladas nestes territorios sexan compensadas en 100% da peaxe de transporte, asumindo o custe o sistema eléctrico.

Mais o esforzo social que supón aplicar esta rebaixa no prezo da tarifa eléctrica non pode saírlle de balde as empresas. Para a CIG resulta fundamental que se lle esixa ás compañías beneficiadas a obriga de facer investimentos e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar os niveis de emprego. E na mesma liña, respectar e mellorar as condicións laborais e sociais dos convenios.

Comentarios