CIG oponse ao ERE en Paradores por supor 100 despedimentos na Galiza e exixe a dimisión da presidenta
A CIG manifesta o seu "total rexeitamento" ao ERE que está levando a cabo a empresa Paradores en todo o estado "e en especial no que fai referencia aos centros ubicados en Galiza". En plena negociación do convenio estatal que afecta ós paradores de Galiza excepto ó do Hostal dos Reis Católicos que ten convenio propio e que tamén se estaba negociando ata que a empresa respondeu en ambos casos presentando un ERE que suporá a perda de case 100 postos de traballo en Galiza, incluíndo o peche definitivo dos paradores de Ferrol e Verín, así como o peche parcial no caso de Monforte e San Estevo, Vilalba e Tui e destrucción de postos de traballo no resto de centros do noso país.
A central nacionalista denuncia que na elaboración do citado ERE participaron "até seis empresas de consultoría privadas o cal supón un elevadísimo coste para unha empresa que está dicindo que ten unha mala situación económica". Alén disto, o sindicato tamén denuncia que Paradores "siga tendo a día de hoxe unha presidenta, a señora Ángeles Alarcó, ex esposa de Rodrigo Rato, que ten un salario de 180 mil e cuxas funcións como tal son completamente descoñecidas para as e os traballadores, e á cal dende a CIG lle esiximos a súa inmediata dimisión".
Os grupos parlamentares de BNG e AGE reúnense cos e coas traballadoras
A este respecto, representantes d@s empregad@s manteron un encontro esta segunda feira coa deputada do BNG Ana Pontón, transladándolle a súa preocupación e demandas perante o ERE e ao anuncio de pechede varios centros feito polo goberno do Estado. A parlamentar comprometeuse a levar estas reivindicacións ao Parlamento e ao Congreso, ao considerar que a Xunta "ten que porse do lado dos traballadores ou será cómplice dun deseño privatizador totalmente negativo para Galiza".
En termos semellantes expresáronse desde o grupo parlamentar de AGE, que tamén manteu unha xuntanza co cadro de persoal dos paradores. Exixiron que Núñez Feijóo diga "de maneira urxente" que medidas vai tomar perante a situación laboral "de indefensión" en que se atopan, e anunciaron que, mediante unha proposición non de lei, instarán á Xunta a se facer cargo destes centros "como patrimonio cultural que son", así como a garantir os postos de traballo.