Centos mobilízanse contra o peche da fábrica de armas da Coruña

O desmantelamento da factoría deixaría 172 traballador@s na rúa. Reclaman que a Xunta medie no conflito e exixa perante o ministerio de Defensa "o mesmo trato" que deu ás factorías españolas que foron vendidas para evitar o peche

photo_camera [Imaxe: CIG]


Por volta dun milleiro de persoas manifestáronse este sábado na Coruña en defensa dos postos de traballo da fábrica de armas de Santa Bárbara. Exixen á multinacional norteamericana General Dynamics que evite unha medida que deixará na rúa 172 obreir@s e reclaman, así mesmo, a mediación da Xunta neste conflito laboral. 

Baixo o lema Polo futuro industrial e a defensa dos postos de traballo, a mobilización recorreu varias rúas da cidade herculina até chegar á Praza de Pontevedra, un dos emprazamentos iniciais da factoría. Após esta protesta, o cadro de persoal dirixiuse ás instalacións actuais para continuar co peche indefinido que dura xa 15 días e que teñen previsto prolongar até o vindeiro 12 de abril se a solución contra a perda dos seus empregos non chega. 

A fábrica "é viábel"

En declaracións á Radio Galega, traballador@s da fábrica coruñesa deixaron claro que "sabemos que temos futuro" e recordáronlle á Xunta que "cómpre pasar das palabras aos feitos". Así as cousas, o presidente do comité de empresa, Roberto Teijido, instou ao Goberno galego a reclamar perante o ministerio de Defensa "o mesmo trato que reciben outras plantas do Estado onde se evitou o peche", como aconteceu nas factorías españolas de Murcia ou de Palencia, que foron vendidas para evitar o seu desmantelamento.

Ao fío pronunciouse tamén o voceiro da CIG na fábrica de armas, Xabier Riobó, quen sinalou que os catro contratos comunicados a principios de ano colocarían a factoría coruñesa "perto do 100% de ocupación", fronte ao argumento da falta de carga de traballo esgrimido por General Dynamics para proceder ao peche.

"O volume de traballo nalgunhas pezas é tal que se están a facer tres quendas para poder sacar adiante eses pedidos", acrecentou Riobó, informando de que xa se estabeleceron contactos con empresas do sector aeronáutico da Galiza para a fabricación de produtos que agora mesmo se subcontratan fóra.

Comentarios