Abanca e Caixa Geral de Depositos finalizan o proceso de compra de Banco Caixa Geral

Para o primeiro trimestre de 2020 está prevista a integración dos sistemas informáticos, o último fito do proceso.

[Imaxe: Abanca] De esquerda a dereita na imaxe, Francisco Botas, Paulo Macedo, Juan Carlos Escotet Rodríguez e Francisco Cary.
photo_camera [Imaxe: Abanca] De esquerda a dereita na imaxe, Francisco Botas, Paulo Macedo, Juan Carlos Escotet Rodríguez e Francisco Cary.

Unha vez recibidas todas as autorizacións Abanca e Caixa Geral de Depositos pecharon o proceso de compravenda de Banco Caixa Geral, S.A. coa sinatura do contrato de adquisición. O prezo da operación ascende finalmente a 384 millóns de euros.

“Esta operación corporativa dá unha nova dimensión ao rango ibérico de Abanca, permítenos aumentar a nosa presenza en España e favorece o crecemento do noso negocio en Portugal”, destacou o presidente de Abanca Juan Carlos Escotet.

Banco Caixa Geral pasa a formar parte desde este momento do Grupo Abanca. En total o banco incrementa a súa rede comercial con 110 oficinas repartidas por todo o Estado español, con especial presenza nas zonas máis próximas á fronteira con Portugal. Suma un volume de negocio duns 7.000 millóns, así como un persoal formado por 531 profesionais que prestan servizo a máis de 131.000 clientes particulares e empresas. Abanca convértese así na sétima entidade estatal por recursos propios.

Unha vez superada esta fase, o calendario avanza para culminar a fusión legal e a integración dos sistemas informáticos no primeiro trimestre de 2020. Desde esta segunda feira 14 de outubro, as dúas entidades traballan cunha única estratexia.

Comentarios