José María Castellano entra en Greenalia con 5%

Coa operación, valorada en 12 millóns de euros, o ex de Inditex e Novagalicia Banco logra un posto no consello da compañía
Castellano
photo_camera Castellano

A compañía galega de renovábeis Greenalia suma un novo nome ilustre ao seu consello de administración, o do empresario José María Castellano, que chega á compañía após de investir 12 millóns de euros na compra de 5% do seu capital.

A operación realizouna a través da sociedade Nakadama S.L logo de chegar un acordo co presidente de Greenalia, Manuel García, para adquirir parte da súa participación, controlada pola sociedade Smarttia Spain SLU, e que queda agora con 85% da compañía.

Segundo indicou a firma nun comunicado, a operación estabelece un valor da compañía de 240 millóns de euros, o que se corresponde cun prezo por acción de 11,30 euros, lixeiramente por debaixo do máximo acadado o pasado mes de decembro, e un euro por riba do valor a feche de mercado da pasada cuarta feira. 

Valoracións

Castellano, ex conselleiro delegado de Inditex e tamén antigo presidente de compañías como ONO ou Novagalicia Banco, sinalou que Greenalia "ten os recursos humanos e a experiencia para converterse nunha xogador clave no desenvolvemento de novas ideas e xerar disrupción na propia industria".

Pola súa banda, o presidente da compañía, Manuel García, destacou o "papel esencial" que xogou Castellano en sectores estratéxicos como o téxtil, na súa etapa en Inditex, ou na banca galega, onde liderou a transición após a fusión das dúas antigas caixas galegas en Novagalicia Banco

"Será un alicerce fundamental no desenvolvemento dos novos retos de Greenalia e cos que queremos converter a Galiza unha vez máis nun referente internacional, ocupando o baleiro que deixaron outras empresas enerxéticas na nosa comunidade", indicou García.

"Temos a oportunidade de converternos nunha empresa protagonista na transición enerxética, pero o que é mellor, Galiza ten a oportunidade de converterse nun referente internacional na industria da eólica mariña flotante como o é actualmente no téxtil", engadiu o presidente de Greenalia. 

De feito, a compañía vén de anunciar a semana pasada un investimento superior os 114 millóns de euros para levantar o seu primeiro parque eólico mariño en Gran Canaria, para o que agarda contar co apoio de Navantia, segundo insinuou.

Comentarios