Case cinco de cada dez fogares galegos chega con dificultade a fin de mes

23,86% non se permitiu gastos extras no segundo trimestre de 2018 e 10,75% tivo que mudar hábitos de consumo

Supermercado

Esta segunda feira, o Instituto Galego de Estatística (IGE) fai públicos os datos do segundo trimestre do ano. Os resultados alertan de que 45,4% dos fogares galegos chegan a final de mes con dificultade (35,63%) ou con moita dificultade (9,77%). A cifra mantense equivalente á rexistrada no mesmo período de 2017 (45,47%).

A respecto do primeiro trimestre, o IGE rexistrou unha redución de 6,23 e 1,1% das vivendas que acabaron o mes con dificultades ou moitas dificultades económicas. Isto supón que, en comparación co período de xaneiro a marzo, o total de fogares que chegan con facilidade a fin de mes (54,61% no segundo trimestre) incrementou 7,33% entre abril e xuño.

Sen diñeiro para vacacións nin para imprevistos

Por outra banda, o mesmo informe emitido polo IGE indica que, nos últimos tres meses, 23,86% dos fogares galegos non puido permitirse gastos extras como saír a cear, vacacións, viaxes ou facer fronte a imprevistos. Isto está tamén ligado aos hábitos de consumo, xa que 10,75% das persoas enquisadas recoñeceu que, durante este segundo trimestre, pasou a mercar marcas brancas ou produtos en oferta. Outras medidas empregadas para reducir os gastos dos fogares máis apurados foron diminuír gastos comúns en roupa, calzado e transporte, entre outros.

En vista a este trimestre de verán, 63,4% das persoas enquisadas prevén saír cear, ir a cafetarías ou ir ao cinema ou ao teatro. Do mesmo xeito, 39,63% dos fogares farán algún gasto extra en alimentación e 18,56% realizarán algunha compra extraordinaria en roupa ou calzado. Do outro lado, 39,62% destes fogares optarán por aforrar diñeiro.

Alén disto, as familias que programan unhas vacacións para o período de xullo a setembro aumentou 16,42% en comparación co segundo trimestre do ano. Por último, no ámbito da vivenda o IGE rexistra que 18,86% dos fogares paga o inmoble que habita, un 7,01% paga un vehículo e tan só 2,38% unha segunda vivenda.

Comentarios