Carlos Calvo rescata os primeiros estudos de Xosé Manuel Beiras sobre o cooperativismo

Carlos Calvo e Xosé Manuel Beiras na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Compostela na presentación de 'Un socialismo propio. O cooperativismo no Beiras mozo'. (Foto: Arxina)

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC acolleu esta quinta feira a presentación do volume Un socialismo propio. O cooperativismo no Beiras mozo (Companha Editora), que recolle diversos artigos sobre cooperativismo publicados por Xosé Manuel Beiras a finais da década dos 50.

A editorial Companha Editora continúa co seu labor de recuperación da produción teórica sobre o cooperativismo elaborada desde posicións nacionalistas ou galeguistas nas seis primeiras décadas do século XX. Se a finais de outubro publicaba Un socialismo verde. O cooperativismo en Vicente Risco e os galeguistas, esta quinta feira presentou na Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Un socialismo propio. O cooperativismo no Beiras mozo, que rescata dous traballos do economista e histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras aparecidos en 1959 na Revista de Economía de Galicia, introducidos por un amplo estudo de Carlos Calvo, autor do estudo introdutorio do libro.

Os textos de Beiras recollidos neste volume responden ao título de Cooperativismo agropecuario: algunhas consideracións arredor da experiencia danesa e As diversas orientacións do cooperativismo no seu desenvolvemento histórico. O primeiro deles, após lamentar as debilidades do cooperativismo na Galiza e destacar as súas posibilidades no ámbito agrario, analiza o seu desenvolvemento en Dinamarca. O segundo, achégase á experiencia deste mesmo modelo en Francia e Suecia, formulándoo como a alternativa para o país, na liña da posición oficial do núcleo reitor do grupo Galaxia.

Un exemplo disto é o propia editorial do número da Revista de Economía de Galicia onde aparece recollido o artigo As diversas orientacións do cooperativismo no seu desenvolvemento histórico. O mesmo, elaborado segundo Carlos Calvo pola principal referencia do grupo Galaxia, Ramón Piñeiro, conclúe que "partindo pois da nosa estrutura económica-social que nos é dada e do seu "natural" reflexo individualista, resulta que a única política social autenticamente galega que cabe realizar chámase cooperativismo". Non por un casual, esta formulación foi a clave de bóveda do modelo económico defendido polo comunmente coñecido como "piñeirismo".

Xosé Manuel Beiras lembrou esta quinta feira na presentación do volume Un socialismo propio. O cooperativismo no Beiras mozo as circunstancias en que elaborou estes traballos durante unha estadía de estudos en Francia financiada por unha bolsa de Galaxia e significou a transcendencia deste período na súa formación como economista. Nesta orientación, desvelou que a súa primeira intención foi presentar a tese de doutoramento sobre esta materia.

O investigador e ensaísta Carlos Calvo, que acompañou esta quinta feira Beiras na presentación do libro no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, explica a Nós Diario que estes primeiros artigos do "Beiras mozo tiveron un eco importante, primeiro na propia Revista de Economía de Galicia e, posteriormente, na configuración ideolóxica do Partido Socialista Galego". Nesta liña, recalcou que significaron "un salto moi importante a nivel teórico do galeguismo, ao darlle un fundamente teórico a cuestión presentes desde os anos 30 como o modelo danés".

"Dinamarca era a gran referencia para o Partido Galeguista", apunta Calvo, que incide en que "o seu modelo xa fora estudado nos anos 30 por dirixentes nacionalistas como Xosé Núñez Búa e Xerardo Álvarez Gallego". A este respecto, desvela que "o presidente da Misión Biolóxica da Galiza, Cruz Gallástegui, quen viaxara a Dinamarca na década dos 20 do século pasado, influíu moito en Beiras nos seus primeiros anos de formación" así como Xaime Illa Couto, o "economista orgánico" dos primeiros 15 anos de Galaxia, a quen Beiras sucedeu como director da Revista de Economía de Galicia.

A introdución de Calvo ofrece un panorama sobre contexto histórico, os debates políticos, económicos e culturais da época e o proxecto do núcleo agrupado ao redor de Ramón Piñeiro, que achega explicacións e variábeis analíticas para entender estes traballos dun Beiras situado naquela altura nunhas coordenadas ideolóxicas moi diferentes ás da actualidade. A este respecto, como destaca Calvo, Beiras afirmou que "podería ser daquela un liberal progresista", que "escribía nunhas claves que eran moi piñeiristas e cunha visión moi conservadora no fondo".

O proxecto de Piñeiro

Calvo achégase ao primeiro trienio francés de Beiras, entre 1957 e 1959, e analiza a súa toma de contacto co rexionalismo económico así como coas estruturas xuvenís do movemento europeísta. Precisamente, está etapa de formación do autor de O atraso económico de Galiza en París, como lembra Calvo citando o historiador Xusto Beramendi, "tería moito que ver co tipo de novo líder que estaban a construír García Sabell e Piñeiro, un líder demócrata, galeguista pero non nacionalista e moderno da futura Galiza posfranquista". Así, a formulación sería coherente co eixo central da alternativa do grupo Galaxia, onde o nacionalismo era presentado como unha ideoloxía superada, sendo o europeísmo federalista a súa alternativa de recambio.

A escola da 'Revista de Economía de Galicia'

Asístese nos últimos tempos a un renovado interese desde a historiografía polo pensamento económico galego das últimas sete décadas. Nesta dirección, o pasado mes de abril a investigadora e profesora da USC Alba Díaz-Geada presentaba o seu libro Mudar en común: Galiza 1959-1982. Unha análise sociohistórica dos cambio no rural galego, onde repasaba os debates entre as diversas escolas económicas da Galiza do período. Agora, Carlos Calvo na súa contribución ao volume Un socialismo propio. O cooperativismo no Beiras mozo estuda as achegas nesta disciplina xurdidas ao redor da Revista de Economía de Galicia.

Calvo explica a Nós Diario que "a historia canónica de Galaxia centra o foco na cuestión literaria, pero unha das súas grandes preocupacións foi crear un espazo de reflexión económica", destacando o papel chave da Revista de Economía de Galicia e explicando as diverxencias entre as posicións defendidas por Xaime Illa Couto e Valentín Paz-Andrade. Neste punto, afirma que "a proposta de Beiras sitúase na liña iniciada por Illa Couto e a alternativa Facal está máis próxima ás formulación de Paz Andrade, aínda que as análises de Illa Couto e Paz-Andrade teñen moitas cousas en común".