Cardama defende a legalidade do seu contrato co Uruguai: "Seguiremos facendo os barcos"

O estaleiro vigués alega o "respecto á confidencialidade" para "non responder ás acusacións" do Goberno de Yamandú Orsi, que vén de ampliar a súa demanda contra a compañía.
Estaleiros de Cardama, en Vigo. (Foto: Cardama)
Estaleiros de Cardama, en Vigo. (Foto: Cardama)

Diante da polémica xerada arredor do contrato entre o Ministerio de Defensa do Uruguai e o estaleiro vigués Cardama para a construción de dúas patrulleiras oceánicas por un importe de 82,2 millóns de euros, desde a empresa radicada en Bouzas (Vigo) sinalaron esta quinta feira a este xornal que continuarán "co contrato e a facer barcos, que é o que sabemos facer”.

O presidente uruguaio, Yamandú Orsi, anunciaba na cuarta feira unha ampliación da demanda presentada a conta do contrato asinado polo anterior Goberno con Cardama, asegurando que houbera “trampa" no seu formato, diante da Fiscalía Especializada en Delitos Económicos e Complexos do Uruguai. A ampliación da demanda obedece a un informe encargado a un notario de Madrid que concluiría que as copias da acta que Cardama entregou ao Ministerio de Defensa Nacional, dentro da "garantía de fiel cumprimento" para a construción das dúas patrulleiras, “son absolutamente falsas", así como que os citados documentos “non foron expedidas por ningún notario”.  


Con todo, desde Cardama manifestan o seu desacordo e confían na legalidade do proceso. "Nós si estamos a respectar a confidencialidade do contrato –suxeito a cuestións de defensa nacional–", sinalan as mesmas fontes, que reiteran que non cruzarán "ese límite" e que defenderse das acusacións "suporía cruzalo”. En todo caso, afirman que “o que pediron foi o que orzamos” e aseguran que o estaleiro está a construír as dúas patrulleiras seguindo o compromiso contractual co Uruguai. “Continuamos co contrato e a nosa vontade é rematar os barcos”, explican desde o estaleiro, que ten 100 anos de historia e fai parte do punteiro sector da construción naval da Galiza.

Comentarios