A cara B do turismo en Galiza: 50.000 traballadores en precario

CCOO e UXT denuncian temporalidade, elevada rotación laboral, 'falsos autónomos' e baixos salarios nun sector que cada vez ten máis peso na economía galega.

photo_camera Imaxe: Viajera empedernida

En Galiza hai 50.000 traballadores en “condicións precarias” que constitúen a “cara B” do turismo. Denúnciano CCOO e UXT ao tempo que lembraban que este é un sector que nos últimos anos foi gañando peso na economía galega. Representantes de ambos os dous sindicatos alertaron da temporalidade e a rotación laboral nos empregos, así como que cada vez máis se obriga a ser 'falso autónomo', co que as empresas aforran de pagar a ese traballador a Seguridade Social. A lista de denuncias continúa: abaratamentos de custos e redución de até un 40% dos salarios, para alén da parcialidade.

“É un sector que tivo un incremento da ocupación no período de crise. Pero hai que ter moi en conta dous aspectos que categorizan esta actividade. Por un lado, un elevadísimo peso da contratación a tempo parcial e é unha das ramas de actividade económica con maior parcialidade”, sinalan desde a UXT. A rama de actividade da hostalería e restauración dá traballo a 77.000 persoas no noso país. Son 40.000 traballadores asalariados dos servizos de restauración, 19.400 camareiros e cociñeiros propietarios e 12.000 directores e xerentes de empresas de aloxamento, restauración e comercio.

As centrais advertiron que os catro convenios do sector da hostelaría que hai en Galiza, un por provincia, están finalizados: desde 2015 na Coruña e Pontevedra e desde 2012 en Lugo. En Ourense caducou en 2013. Desde a finalización, os salarios dos traballadores están conxelados. “Cada patronal vai á súa en cada provincia e non teñenningunha intención por achegar en común”, sosteñen os sindicatos. Todo isto leva a unha situación cada vez máis precaria para os empregados.

Comentarios