Camioneir@s péchanse en Novagalicia Banco exixindo que retome o financiamento da empresa

Traballan para Transportes Duco, unha empresa viábel que se viu abocada a suspender a actividade porque non ten liquidez nin para pagar a gasolina dos camións. A entidade bancaria foi impoñendo requisitos cada vez meirandes para renovar un crédito, até que deixou na corda bamba máis de 100 empregos na Galiza e máis de 250 en todo o Estado
photo_camera [Imaxe: CIG]


Máis de 50 traballador@s da empresa de transportes Duco ocuparon esta sexta feira a sede central de Novagalicia Banco, en Compostela, exixindo unha explicación que aclarase por que a entidade bloqueou o financiamento da empresa.

O 100% do cadro de transportistas, máis de cen en Galiza e máis de 250 en todo o Estado, levan dous meses sen cobrar e os seus postos de traballo fican na corda bamba.

Cómpre destacar que Duco é unha importante empresa de transporte de mercadorías e, tendo a súa sede en Compostela, conta con centros en Lugo, Ourense, A Coruña, Vigo, Bilbo, Girona e Madrid. Entre a súa carteira de clientes figuran marcas consolidadas do sector da alimentación, como Gadisa.

A empresa escusou as débedas salariais nun problema de liquidez que impedía renovar unhas pólizas. A consecuencia confirmouse esta cuarta: a actividade fica paralizada porque o diñeiro non abonda nin para pagar a gasolina dos camións. Ao lle exixir máis explicacións á dirección de Transportes Duco, pois a empresa "é perfectamente viábel", segundo informan desde o sindicato CIG, entón @s traballador@s confirmaron que "o problema é con Novagalicia Banco". A entidade foi impondo unha serie de requisitos que impediron a renovación das pólizas, xerando e agravando un problema de liquidez que non existía.

A palabra da Xunta e do banco

O cadro de persoal de Transportes Duco acusa a NGB de "afogar economicamente" a empresa, e encetaron unha vía de negociación coa Xunta a través da dirección xeral de Relacións Laborais para que medie na obtención dun aval. A colaboración do Goberno galego non está aínda garantida. Polo de agora só sinalaron que a vía de diálogo fora aberta "moi tarde".

Traballador@s de Duco realizaron esta sexta unha rolda de imprensa para informar da situación, ao remate da cal se desprazaron até a sucursal da entidade bancaria para ocupala até seren recibid@s polo director. Obteron finalmente un compromiso de que "á maior brevidade posíbel" haberá unha xuntanza a tres bandas --empresa, entidade e representante d@s traballador@s-- na procura dunha solución que permita retomar a actividade.

Comentarios