Caixa Rural Galega e a Fundación Juana de Vega asinan un convenio para cofinanciar o proxecto de bioeconomía 'Saberes do Monte'

O proxecto integrará coñecemento tradicional, custodia do territorio e restauración ecolóxica para reforzar a infraestrutura verde da Galiza e promover a resiliencia fronte ao cambio climático e os incendios forestais.
Jesús A. Méndez, Manuel Varela, Enrique Sáez e José M. Andrade na sinatura da colaboración. (Foto: Nós Diario)
Jesús A. Méndez, Manuel Varela, Enrique Sáez e José M. Andrade na sinatura da colaboración. (Foto: Nós Diario)

Caixa Rural Galega vén de asinar esta terza feira, 3 de marzo, un acordo de mecenado coa Fundación Juana de Vega para ser unha das entidades cofinanciadoras do novo proxecto de bioeconomía 'Saberes do Monte: Coñecemento tradicional e custodia para un monte vivo', aprobado pola Fundación Biodiversidad no marco de subvencións para o impulso da infraestrutura verde e cofinanciado nun 60% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

En total, Caixa Rural Galega achegará 56.800€ repartidos en tres anualidades até finais de 2028 para reforzar o impacto social, ambiental e económico da iniciativa. En concreto, destinarase a apoiar as actuacións para revisión de instrumentos de xestión forestal e a realización de intervencións no territorio destinadas a apoiar o pastoreo extensivo como ferramenta de conservación e prevención de incendios. A sinatura do mecenado tivo lugar este 3 de marzo na sede da cooperativa de crédito en Lugo por parte de Manuel Varela López, presidente de Caixa Rural Galega, e de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega.

A través de 'Saberes do Monte' apoiaranse as actividades tradicionais vinculadas ao monte en cinco áreas piloto da Galiza para facilitar a conservación de hábitats prioritarios. En concreto, a Serra do Xistral, Negueira de Muñiz, Ancares, O Courel e Serra da Groba.

O proxecto integrará coñecemento tradicional, custodia do territorio e restauración ecolóxica para reforzar a infraestrutura verde destas zonas da Galiza e promover a resiliencia fronte ao cambio climático e os incendios forestais. Ademais, consolidarase a marca colectiva 'Saberes do Monte' para valorizar en circuítos curtos os produtos resultantes da actividade de gandería extensiva, apicultura e ecoturismo. Outros eixos estratéxicos do proxecto serán o impulso ao emprendemento rural como ferramenta para fixar poboación e o reforzo da gobernanza participativa, promovendo unha maior presenza das mulleres nos espazos de toma de decisións.

A finais de 2028, o proxecto aspira a demostrar que biodiversidade, bioeconomía rural e emprego verde poden constituír ferramentas estratéxicas para consolidar un monte vivo, produtivo e máis resiliente fronte aos incendios forestais e ao cambio climático.

O consorcio de 'Saberes do Monte' está liderado pola Fundación Juana de Vega e integra un equipo multidisciplinar conformado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da Coruña (UDC) e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT). A alianza combina coñecemento científico, experiencia en xestión territorial e traballo directo coas comunidades locais, garantindo unha abordaxe integral que conecta investigación aplicada, gobernanza participativa e intervención práctica no territorio.

Comentarios