Caixa Rural Galega aproba as contas anuais de 2024 "cun resultado histórico"
Caixa Rural Galega vén de celebrar a súa Asemblea Xeral en Lugo coa presenza do Consello Reitor da cooperativa de crédito, presidida por Manuel Varela, e os representantes das xuntas preparatorias decorridas nas últimas semanas nas localidades de Barreiros, Ourense, Cambados, Lugo e Vigo.
Nese encontro, decorrido o sábado, 10 de maio, a entidade aprobou as contas do exercicio 2024, das que destaca un beneficio neto de preto de 32 millóns de euros, o que supón un incremento superior a 47% con respecto do ano anterior e novamente unha cifra. Este incremento é debido á mellora de marxes, explica nun comunicado, "froito da subida de tipos de xuro oficiais, iniciada polo Banco Central Europeo a finais de 2022, así como incrementos de volume xestionado e melloras en eficiencia".
Resultados
As contas recollen uns activos que superan os 2.340 millóns de euros e que supoñen un crecemento algo superior a 15% a respecto do ano anterior. Os depósitos de clientes alcanzaron os 2.120 millóns de euros e o investimento crediticio, perto de 900 millóns de euros, en termos netos, o que supón uns incrementos para ambas partidas de 15 e de 6,5% respectivamente. O investimento crediticio bruto ascendeu a 946 millóns de euros, 63 millóns máis, o que supón un 7% con respecto ao exercicio anterior.
A morosidade fechou o exercicio en 2,35%, algo inferior á do exercicio anterior e por baixo da media do sector, "algo a destacar nun contexto de tipos de xuro máis elevados que os anos anteriores, e incertezas económicas no ámbito internacional", valora a entidade.
A ratio de solvencia alcanzou 21,16% cunha mellora de máis de dos puntos respecto do ano anterior, debido ao excepcional resultado, o que leva a un nivel próximo ao dobre do nivel requirido polo regulador, unha "mellora que afianza a fortaleza da entidade de cara seguir medrando no futuro".
Nova era económica
Na súa intervención, o presidente de Caixa Rural Galega asegurou que "nos atopamos ante un escenario internacional marcado pola incerteza" ao que se veu a sumar o resultado das elección nos EUA. Neste sentido, reflexionou sobre o fin da "hiperglobalización" e o comezo dunah nova etapa, "a era da revolución tecnolóxica, a transición ecolóxica e a intelixencia artificial, para a cal a economía europea está mal preparada, fragmentada, e por isto resulta máis vulnerábel", dixo.
Manuel Varela avogou por un marco normativo máis sinxelo e homoxéneo a nivel europeo "para non perder o tren desta nova era". Polo que respecto á propia entidade, subliñou que "Caixa Rural Galega fechou un exercicio 2024 extraordinario demostrando unha vez máis que o modelo, baseado na proximidade, a prudencia e a xestión responsábel, é sólido e eficaz".
